IRIA BUIDE, CONCELLEIRA DE EDUCACIÓN, ANUNCIOU A POSTA EN MARCHA DUN SERVIZO "QUE PERMITE FACILITAR A CONCILIACIÓN FAMILIAR E OS HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES, ADEMAIS DE REDUCIR O TRÁFICO NA CONTORNA DOS CENTROS DE ENSINO"

O concello de Lugo saca a licitación os vieiros escolares seguros para 5 centros de ensino públicos


Iria Buide, concelleira de Educación, anunciou a posta en marcha dun servizo "que permite facilitar a conciliación familiar e os hábitos de vida saudables, ademais de reducir o tráfico na contorna dos centros de ensino"

O Goberno de Lugo aprobou hoxe a apertura do proceso de licitación cun orzamento máximo de 21.032,55€

O concello de Lugo saca a licitación os vieiros escolares seguros para 5 centros de ensino públicos



Lugo, 12 de marzo de 2025. A concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide, anunciou a apertura da licitación do proxecto "Camiño ás Aulas", os Vieiros Escolares Seguros que se organizarán nos CEIP Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai e Rosalía de Castro "unha medida que facilita a conciliación familiar, ademais de promover hábitos de vida saudables e reducir o tráfico rodado na contorna dos centros de ensino", segundo explicou a edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide Pena.

O proxecto "Camiño ás Aulas" consistirá no acompañamento do estudantado por monitores todos os días do curso escolar. A ruta farase na hora previa, e garantirase que as nenas e nenos cheguen, como mínimo, 5 minutos antes da hora de entrada ao centro. A empresa adxudicataria deberá contactar coas ANPAS para xestionar a inscrición e o deseño dos vieiros de cada centro, adaptándoo en caso de que se anoten novas crianzas para garantir distintos puntos de recollida.

Iria Buide destacou que "nos últimos anos, esta actividade realizouse de xeito piloto no CEIP Albeiros, sendo un éxito de participación", e engadiu "agora damos un paso adiante e facilitamos esta actividade en máis centros escolares, achegando esta iniciativa a máis familias".

A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado", explicou Iria Buide, que afirmou,  "as distintas iniciativas de calmado de tráfico executadas pola área de Mobilidade nos últimos anos permítennos que os distintos centros poidan contar con vieiros escolares garantindo a seguridade viaria ao desfrutar dun tráfico calmado".

O Goberno de Lugo aprobou hoxe a licitación do contrato, que terá un orzamento máximo anual de 21.032,55€ e unha duración dun ano prorrogable ata un máximo de tres anos.

O concello de Lugo saca a licitación os vieiros escolares seguros para 5 centros de ensino públicos