RUBÉN ARROXO E MAITE FERREIRO PROPUXERON NUNHA XUNTANZA CON REPRESENTANTES DE PRETO DE 70 ASOCIACIÓNS LUCENSES UN DECÁLOGO DE MEDIDAS PARA PROMOCIONAR O USO DO GALEGO
O Concello de Lugo lanza a 'Alianza Lugo pola Lingua' para promover a defensa do galego
Maite Ferreiro: "14 anos despois do decreto antigalego do PP, a nosa lingua pasa polo seu peor momento, é hora de traballar para reverter esta situación"
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro propuxeron nunha xuntanza con representantes de preto de 70 asociacións lucenses un decálogo de medidas para promocionar o uso do galego
Lugo, 29 de outubro de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro presidiron a primeira xuntanza da Alianza Lugo pola Lingua, impulsada desde o Concello de Lugo e que contou coa participación de preto de 70 colectivos, asociacións e lucenses relacionadas co mundo artístico. A Tenencia de Alcaldía lanza esta iniciativa para, segundo explicou Maite Ferreiro, "comezar a traballar en reverter unha situación tan grave como a que temos neste momento coa lingua".
Segundo os últimos datos publicados, un de cada tres menores saben pouco o nada de galego e só o 7% dos nenos e nenas entre 5 e 14 anos falan galego sempre, "14 anos despois do decreto antigalego do PP, cunha xeración educada íntegramente nesta normativa, estamos vendo como as persoas máis novas están a perder a capacidade de utilizar a nosa lingua", afirmou Maite Ferreiro.
A edil de Promoción da Lingua afirmou que "é necesario tomar medidas reais e inmediatas que permitan reverter unha situación tan grave como a que temos neste momento coa lingua" e presentou ás asociacións e colectivos presentes "un decálogo de medidas básicas para promocionar o uso do galego e garantir que a nosa lingua non desapareza".
Maite Ferreiro afirmou que "a Xunta ten que cambiar o seu modelo lingüístico e comezar a traballar en serio para evitar a desapación do galego, desde o Concello de Lugo damos un primeiro paso con estas 10 medidas básicas que permitirán aumentar a presenza da lingua nas nosas rúas".
DECÁLOGO DE MEDIDAS PARA O USO DO GALEGO
1- Utilizar o idioma Galego nas comunicacións orais e escritas sempre que sexa considerado.
2- Utilizar o idioma Galego na sinaléptica de locais e espazos utilizados se é posible.
3 - Utilizar o idioma Galego na rotulación de vehículos e aparatos móbiles.
4 - Utilizar o idioma Galego na publicidade de actos e eventos.
5 - Utilizar o idioma Galego como lingua vehícular para comunicacións tanto internas como externas.
6 - Adaptar as redes sociais e demáis medios telemáticos para o seu uso en idioma Galego.
7 - Garantir de utilizar o galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei, das institucións e dos propios colectivos asinantes.
8 - Introducir a oferta positiva de comunicarse en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística.
9 - Promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega.
10 - Consolidar o galego como lingua xeral de referencia na entidade representada.