22 PRODUTORES EXPOÑERÁN OS SEUS PRODUTOS NA PRAZA DA SOIDADE DE 10 A 18 HORAS

A XXVII Edición da Feira do Mel de Lugo celebrarase o vindeiro sábado 28

As II Xornadas Apícolas desenvolveranse entre o venres 27 e o sábado 28

 

A XXVII Edición da Feira do Mel de Lugo celebrarase o vindeiro sábado 28

Lugo, 24 de setembro de 2019. A Concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentou xunto co presidente DA Asociación Provincial Lucense de Apicultores, Pablo Piñeiro, a XXVII edición da Feira do Mel de Lugo, cita que reunirá a 22 produtores de todas as zonas de Lugo o vindeiro sábado 28 na praza da Soidade. Cristina López indicou que “un ano máis as veciñas e veciños de Lugo poderán desfrutar deste excelente produto, un ouro líquido representativo da nosa terra”. Segundo indicou Cristina López, este ano “agardamos que se superen os 2500 quilos vendidos na pasada edición”.

 

A apertura desta feira está prevista para o sábado ás 10 da mañá, e prolongarase durante todo o día até as 18h, onde se porán á venda distintos tipos de mel de calidade, escuras e claras, por un prezo de 8 euros o quilo. Pablo Piñeiro, presidente da APLA, indicou que este ano foi un “bo ano para a produción de mel”, e agradeceu ao concello a súa colaboración.

 

Pablo Piñeiro anunciou tamén as II Xornadas Apícolas, organizadas pola APLA, que se celebrarán no salón de actos da Deputación con tres palestras de acceso libre. A primeira palestra terá lugar o venres 27 ás 20h baixo o título “Como coñecer a calidade do mel”. O día 28 ás 18h, comezará a palestra “Tratamentos en apicultura, como cando e por que realizalos?”, mentres que ás 20h terá lugar a última palestra, “Meles estranxeiras e locais , que diferenzas existen?”.