Imprimir

O BNG leva ao Parlamento Galego o peche do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza en Lugo

bnglugocentro | 22 de xaneiro de 2019

A finais de 2018 o laboratorio foi clausurado por unha contaminación que afectou á saúde de persoal do centro

Lugo, 21 de xaneiro 2019. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, presentou unha serie de preguntas en relación á recente clausura do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza situado en Lugo. En decembro de 2018 a Xunta de Galiza acordou suspender a actividade do Laboratorio de Saúde Pública de Galiza na cidade de Lugo. Este espazo de referencia para o conxunto do país, desde 2014, atopábase situado nun edificio na rúa Montevideo. No concreto, no terceiro andar da delegación territorial de Sanidade.

Rodil lembrou que “a finais do pasado ano fíxose público que parte do cadro de persoal do laboratorio –unhas 50 persoas-- así como traballadoras e traballadores doutras áreas situadas próximas a este, sufrían diversos síntomas que estarían relacionados co mal estado do ar nesta zona do edificio como mareos, picor nos ollos, problemas estomacais… problemas de saúde laboral que foron denunciados, ademais de á Consellaría de Sanidade, diante da Inspección de Traballo”.

“Até o momento, descoñécense os resultados deses estudos e continúan sen se esclarecer as razóns que causaron prexuízos na saúde das traballadoras e traballadores do edificio” afirmou Olalla Rodil e sinalou que “despois de clausurar o Laboratorio, segundo o delegado territorial da Xunta de Galiza en Lugo, José Manuel Balseiro, o goberno encargou a unha empresa externa especializada a avaliación e identificación da causa da contaminación no ar do edificio así como a creación dun gabinete técnico para facer seguimento das distintas medidas levadas a cabo para solucionar os problemas detectados e retomar a actividade do laboratorio”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-leva-ao-parlamento-galego-peche-do-laboratorio-saude-publica-galiza-lugo/20190122131333007002.html


© 2019 Comarca de Lugo Centro

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal