“O BNG NON VAI APOIAR UNS ORZAMENTOS DE 2014 CANDO NON ESTÁN EXECUTADOS OS DO 2013” DIXO ANTÓN BAO

“O BNG NON VAI APOIAR UNS ORZAMENTOS DE 2014 CANDO NON ESTÁN EXECUTADOS OS DO 2013” DIXO ANTÓN BAO

Na sesión da Comisión de Contas do Concello de Lugo o BNG reiterou o seu voto en contra aos orzamentos do PSOE para 2014

 Antón Bao sinalou que “os orzamentos non poden ser unicamente unha listaxe de cifras, teñen que converterse en feitos”

Lugo, a 26 de decembro de 2013. O Grupo Municipal do BNG manterá a súa postura respecto da aprobación dos orzamentos municipais do concello de Lugo para o ano 2014. Así o afirmou o voceiro do BNG, Antón Bao, logo da Comisión de Contas que se celebrou hoxe no Concello de Lugo. Bao argumentou que boa parte dos orzamentos do 2013 están sen executar a día de hoxe, sobretodo aquelas partidas introducidas polo BNG que incidían na necesidade de que a cidadanía percibirá outro modelo político alternativo ás políticas dos gobernos do Partido Popular.

Antón Bao incidiu en que “os orzamentos do Concello de Lugo non poden ser unicamente unha listaxe de cifras, ten que traducirse en feitos, e feitos sobretodo destinados a axudar á xente que máis o necesita, teñen que ter uns obxectivos políticos para beneficiar ás persoas”.

“O Goberno Municipal – continuou Antón Bao – non traballou neste sentido e o BNG non vai votar a favor duns orzamentos de 2014 cando non están executados os do 2013”

Bao sinalou que o PSOE, no Concello de Lugo, se negou a outra política fiscal, a outro proxecto social máis avanzado centrado na xente que peor o está pasando. Bao lembrou que o goberno de Orozco se negou a poñer en marcha proxectos de promoción de emprego, propostos polo BNG, que “quedaron adiados como se non houbera presa”, como tampouco foi capaz de poñer en marcha as novas partidas destinadas ao programa de alugueiros municipais, aínda que si que executou partidas moito menos prioritarias para o benestar das persoas. As prioridades do PSOE no Concello de Lugo a hora de executar os orzamentos están a anos luz das necesidades reais da cidadanía.

O Pleno onde se debaterán estes orzamentos celebrarase o vindeiro luns 30 de decembro.

“O BNG NON VAI APOIAR UNS ORZAMENTOS DE 2014 CANDO NON ESTÁN EXECUTADOS OS DO 2013” DIXO ANTÓN BAO