O BNG é a única forza que aposta pola recuperación do edificio do Cuartel de San Fernando
A candidata do BNG lembrou que unicamente co BNG no goberno da Xunta e da Deputación se deron pasos para poñer en valor este edificio
Para o BNG está claro que nin PSOE, nin PP teñen intención de rehabilitar e darlle uso a este edificio que cae a pedazos no centro de Lugo
Lugo, 28 de xuño 2016. A candidata do BNG por Lugo ás eleccións galegas do 25 de setembro, Olalla Rodil interesouse por coñecer a situación na que se atopa o edificio do Cuartel de San Fernando. Rodil visitou o edificio acompañada do número dous da candidatura, Mario Outeiro, do voceiro do BNG na Deputación de Lugo, Xosé Ferreiro e dos ediles nacionalistas no concello de Lugo, Rubén Arroxo e Maite Ferreiro.
Olalla Rodil dixo que o BNG é a única forza que aposta pola recuperación do edificio do Cuartel de San Fernando e asegurou que traballaremos dende o goberno da Xunta e dende o Parlamento Galego para dar unha solución de futuro a este edificio que é das e dos lucenses. Segundo explicou Rodil, para o BNG está claro que nin PSOE, nin PP teñen intención de rehabilitar e darlle uso a este edificio que cae a pedazos no centro de Lugo.
A candidata do BNG lembrou que unicamente co BNG no goberno da Xunta e da Deputación se deron pasos para poñer en valor este edificio. Rodil sinalou que foi o BNG, con Xosé Ferreiro como deputado de Cultura, quen ofreceu fondos do organismo provincial para sumalos aos de outras institucións e acometer as obras necesarias para darlle uso ao edificio. A candidata do BNG sinalou que somos a única opción coa intención, experiencia e seriedade necesaria por que pensamos unicamente no ben do país e referiuse ao número dous da candidatura, Mario Outeiro, que tivo responsabilidades de goberno na Deputación de Lugo.
Neste momento existe, presuntamente, un convenio asinado entre a Xunta e Concello pero o edificio segue caendo explicou Olalla Rodil que destacou o traballo do BNG no concello de Lugo para facer visible a situación do edificio do Cuartel de San Fernando e provocar os poucos pasos que deu o goberno municipal sobre este asunto. Aínda así o edificio quedará consolidado pero non poderá ter ningún uso definido explicou Rodil, referíndose ao convenio existente e engadiu trátase dun BIC cun recoñecido valor histórico que podería estar ao servizo de Lugo e do país.