O BNG inicia unha campaña informativa pola mobilidade sostible
O grupo nacionalista difundirá planos onde se marcan as distancias a pé e en bicicleta para animar a reducir o uso de vehículos
As cidades amables fanse cando a poboación se conciencia de que debe usar menos o coche e apostar por outros medios
Lugo, 19 de agosto de 2016. O BNG anuncia que vai iniciar unha campaña para seguir traballando nunha cidade que sexa máis amable, buscando concienciar á xente de Lugo de que existen alternativas para moitos dos movementos que realizan os coches particulares. O grupo municipal denuncia que o goberno local non está a facer nada, malia que hai acordos plenarios aprobados ao respecto, o que fai que sexan os propios nacionalistas quen dean o paso a facer unha campaña de concienciación ao marxe da institución. Ante isto comezarán a difundir entre a veciñanza de Lugo uns planos, denominados Lugo a pé e Lugo en bici, nos que se explican as distancias existentes tanto a pé como en bicicleta en minutos, co fin de que as persoas pouco a pouco vaian vendo alternativas, as cidades amables fanse cando a poboación se conciencia de que debe usar menos o coche e cando se crean as condicións para coller alternativas afirmou Rubén Arroxo. Dende o BNG explicaron que mentres se segue a traballar nas futuras liñas de buses hai que seguir a potenciar os outros modelos para desprazarse, neste sentido o portavoz nacionalista manifestou en moitas ocasións o desprazamento en vehículo e a busca de estacionamento superan amplamente en tempo ao que nos levaría facelo a pé ou en bicicleta, é por isto polo que queremos transmitir esta idea.
Dende o grupo nacionalista explicaron que o peche do aparcadoiro do San Xosé nesta semana, sumado a que levamos máis dun ano sen control de estacionamento, está a crear problemas de aparcadoiro nun mes con pouca xente na cidade como é agosto. Nós temos claro que para construír o Lugo do século XXI hai que ter un proxecto global de cidade amable con diferentes accións específicas e unha delas ten que ser esta.
O propio Arroxo lembrou que o plano que dende o seu grupo presentan é unha similitude ao Metro Minuto de Pontevedra, unha idea que foi premiada a nivel internacional Pontevedra conseguiu en poucos anos gañar espazos do centro da cidade para as persoas, reducir nun 80% o CO2, erradicar na práctica os atropelos e abrir grandes espazos para que as nenas e nenos teñan lugares seguros nos que xogar, en definitiva converter o espazo urbano nunha parte máis das vivendas da xente, e iso só se consegue aplicando medidas valentes e concienciando a poboación sobre as alternativas. Ademais o propio concelleiro explicaba que estes planos poderían ser actualizados se o goberno aposta por crear aparcadoiros disuasorios nos predios baleiros, tal e como propuxo o grupo nacionalista nesta semana, marcando estes puntos estratéxicos sobre o papel.