O BNG solicita un horario dos museos adaptado á realidade

O BNG solicita un horario dos museos adaptado á realidade

Maite Ferreiro dixo que “tanto o turismo como a xente de Lugo teñen que facer piruetas para atoparse cos museos abertos”

 

Lugo, 17 de agosto 2016. O BNG - AA súmase ás queixas do sector turístico a respecto dos horarios dos museos, dado que non se corresponden coa demanda existente. A día de hoxe, e malia os diversos anuncios do goberno municipal ao respecto, as instalacións da Casa dos Mosaicos, o Domus do Mitreo, a Sala de Exposicións de Porta Miña e o Centro Arqueolóxico de San Roque tan só abren de xoves a domingo, e este último día só polas mañás “tanto o turismo como a xente de Lugo teñen que facer piruetas para atoparse cos museos abertos” afirmou a concelleira nacionalista. A propia edil explicaba que Lugo conta con tres patrimonios da humanidade e cuns restos arqueolóxicos e un patrimonio que fan que a cidade sexa un punto de importante interese turístico “se queremos que ese turismo quede satisfeito e siga en aumento temos que crear as condicións”. Tamén en relación con isto remarcou que un importante número de persoas quedan en Lugo unha soa noite, ou simplemente se desprazan dende outras cidades durante o día, e se coincide con ser nun dos tres días que están os museos pechados, non poderán acceder a eles. 

 IMG_1583

Para o BNG – Asembleas Abertas cómpre axilizar esta situación “os datos din que o turismo en Lugo está a medrar, pero o concello non está a dar a resposta necesaria a esta situación” dixo Ferreiro, mentres solicitaba que urxe reunir ás persoas do sector e coordinar o traballo nesta materia. Para o grupo nacionalista non só hai un problema de horarios senón tamén de información “moitas persoas chegan ata a praza Maior buscando unha oficina de turismo que non está todo o sinalizada que debera, agora cómpre buscar unha solución temporal para esta eiva, coa idea de que cando a Mosqueira sexa peonil se cre aí un punto de recepción de turistas” explicou Maite Ferreiro.

O BNG solicita un horario dos museos adaptado á realidade