O BNG di que urxen acordos con particulares para a creación de aparcadoiros disuasorios gratuítos
O voceiro do BNG Asembleas Abertas puxo como exemplo ata 6 terreos que neste momento están baleiros e sumarían uns 13.000 metros cadrados e albergarían uns 500 vehículos
O peche do aparcadoiro do San Xosé e a falta dun sistema de regulación do aparcadoiro dificulta moito máis atopar onde aparcar
Lugo, 16 de agosto de 2016. No pasado mes de febreiro o pleno da corporación lucense aprobou unha iniciativa do BNG Asembleas Abertas para buscar acordos cos propietarios dos predios sen edificar co fin de darlles un uso alternativo. Un dos usos propostos na iniciativa dos nacionalistas era o de crear aparcadoiros gratuítos que servisen como aparcadoiros disuasorios para evitar a masificación de vehículos nas rúas da cidade. A día de hoxe cómpre máis que nunca traballar neste sentido dado que, en opinión do BNG, ímonos atopar cunha volta de vacacións con grandes problemas para atopar onde estacionar o peche do aparcadoiro do San Xosé e a falta dun sistema de regulación do aparcadoiro dificulta moito máis atopar onde aparcar afirmou Rubén Arroxo. Dende este luns o aparcadoiro do San Xosé que acollía a un importante número de vehículos de persoas que se achegaban ao centro permanece pechado e iso constitúe un problema. Dende o BNG tamén afirmaron que unha parte considerable do tráfico existente é dado por vehículos que dan voltas buscando unha praza para estacionar se queremos unha cidade máis amable, precisamos eliminar ese tráfico no maior número posible
Ante isto o BNG reitera unha proposta que xa realizou cando se aprobou esta proposición no mes de febreiro, na que sinala un total de seis terreos que neste momento se atopan baleiros e que poderían utilizarse como aparcadoiros disuasorios é unha cuestión de vontade e de que o goberno municipal negocie cos propietarios para poñelos ao servizo das veciñas e veciños mentres os seus donos non fagan uso destes predios dixo Arroxo.
Dende o BNG recordaron que algúns dos predios propostos xa funcionaron como aparcadoiros en algún momento polo que a xestión non pode ser tan complicada. Os seis terreos suman un total de 13.000 metros cadrados e poderían albergar cun deseño óptimo uns 500 vehículos. As ubicacións propostas polo BNG AA darían solución aos problemas de aparcamento do centro da cidade e a zonas que neste momento teñen saturadas as prazas de aparcamento existentes.
Arroxo explicou cales serían estes terreos e sinalou que creando estas 500 prazas de estacionamento gratuíto o problema de aparcamento da cidade quedaría practicamente resolto.
Zona de Fontiñas e conservatorios
Estáblecense tres posibles ubicacións para resolver os problemas de aparcamento que sumarían un total de 6.600 metros cadrados. Os dous terreos máis próximos ao centro da cidade estarían situados, un na esquina de Fontiñas co Carril de Caiños e outro ao longo da rúa Primavera fronte a centro socio-cultural Maruja Mallo. Rubén Arroxo lembrou que un destes solares xa funcionou como aparcadoiro mentres se fixeron as obras en Fontiñas e o outro xa funciona, tamén, como aparcadoiro nas súas beiras. O outro grande aparcadoiro daría solución aos problemas de tráfico na zona dos conservatorios de música e danza e ocuparían máis de 4.000 metros cadrados na intersección da ronda Xosé Castiñeira coa rúa Xesús Bal e Gai.
Zona centro
Para dar solución ao aparcamento na zona centro da cidade propóñense dous aparcadoiros en extremos opostos da ronda da Muralla, un nas inmediacións da Porta Miñá e outro en Paradai, ambo os dous sumarían uns 5.300 metros cadrados. Un dos aparcadoiros estaría situado nos predios da rúa Poeta Noriega Varela máis próximos á ronda da Muralla. O outro aparcadoiro estaría situado na zona de Paradai na intersección da rúa Sil e a Infanta Elena. Estes último emprazamento xa funcionou durante moito tempo como aparcadoiro e daría servizo a todas as persoas que precisan acudir ao edificio multiusos da Xunta, ao centro e ás rúas do noroeste da cidade.
Av da Coruña
Para dar servizo á zona da Milagrosa e Av. da Coruña poderíase chegar establecer un aparcadoiro disuasorio no predio situado na intersección da rúa do Reberendo Xosé Fdez. Núñez coa rúa Alfredo Vila Arquitecto. Este terreo ten unha superficie que supera os 1000 metros cadrados.