LÓPEZ DESTACOU O ESFORZO REALIZADO POLO GOBERNO DE LUGO NO PASADO MANDATO "PARA MUNICIPALIZAR ESTE SERVIZO E QUE A ATENCIÓN Á VECIÑANZA SE OFREZA POR PARTE DE TRABALLADORAS MUNICIPAIS"
O 010 aumenta a atención á veciñanza cunha nova canle a través de WhatsApp

A edil de Participación, Cristina López, afirmou que "coincidindo co 20 aniversario do servizo, ampliamos as vías de atención á veciñanza incorporando as novas tecnoloxías"
López destacou o esforzo realizado polo Goberno de Lugo no pasado mandato "para municipalizar este servizo e que a atención á veciñanza se ofreza por parte de traballadoras municipais"
Lugo, 04 de abril de 2025. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, anunciaron o novo servizo de atención á veciñanza do 010, que aumenta as vías de contacto cos e coas lucenses incorporando o WhatsApp como vía de recepción de incidencias. López afirmou que "coincidindo co 20 aniversario da posta en marcha deste servizo, ampliamos a súa funcionalidade, integrando as novas tecnoloxías como canle para a recepción de avisos e incidencias".
O novo WhatsApp do 010 está dispoñible a través do teléfono 618 345 010. Enviando unha mensaxe a este número, as veciñas e veciños poderán comunicar incidencias "de xeito rápido e sen ter que realizar unha chamada", explicou López.
Cristina López destacou o esforzo realizado polo Goberno de Lugo no pasado mandato para municipalizar este servizo, asegurando que a atención á veciñanza se ofreza por parte de traballadoras municipais. "Unha medida moi importante que nos permitiu garantir a calidade calidade do servizo ofrecido", afirmou.
O 010 é un servizo que facilita información sobre trámites municipais, actividades e eventos. Permite tamén facilitar trámites como a solicitude de cita previa, dispoñible para varios servizos municipais, como Augas, Cemiterio, Estatística, Información ao Consumidor, Rexistro, Tarxeta Cidadá e Tesourería.
A edil de Participación afirmou que "este servizo é a ferramenta máis importante do Concello para abrir as instalacións municipais á veciñanza". A veciñanza de Lugo pode contactar co 010 a través do teléfono 982 297 350, eliminando así os custos de chamadas a números especiais.