BUIDE: "SEGUIMOS A ACHEGAR ACTIVIDADES AOS CENTROS DE ENSINO E ORGANIZAMOS UN ANO MÁIS O TORNEO DE SEMANA SANTA QUE TERÁ LUGAR NO SOTO DA PRAZA DE ABASTOS"
A Tenencia de Alcaldía presenta as actividades de xadrez da semana santa

A concellería de Educación colabora con Xaquedrum na promoción do xadrez entre a mocidade
Buide: "Seguimos a achegar actividades aos centros de ensino e organizamos un ano máis o torneo de semana santa que terá lugar no soto da Praza de Abastos"
Lugo, 04 de abril de 2025. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buide e a edil responsábel de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, presentaron, xunto co responsábel da Asociación Xaquedrum, Pablo Castro, as actividades organizadas para o mes de abril que buscan "fomentar o xadrez entre a mocidade lucense promover este deporte como ferramenta educativa e social, achegándoo aos centros de ensino e á veciñanza", explicou Buide.
O habitual torneo de xadrez de Semana Santa celebrarase o domingo, 6 de abril, entre as 17:00 e as 19:30 no soto da Praza de Abastos. Este evento será totalmente gratuíto e está aberto tanto a xogadores con elo FIDE como sen elo FIDE (modalidade Open). O torneo está dividido en categorías Sub-8, Sub-10, Sub-12, Sub-14 e absoluto sen elo FIDE, e as partidas serán a ritmo rápido, con 10 minutos máis 2 segundos de incremento por xogada. A inscrición estará aberta ata hoxe, 4 de abril, ás 20:00 horas. As persoas interesadas deben estar federadas; en caso contrario, poderán federarse gratuitamente coa Escola Luguesa de Xadrez ao realizar a inscrición. Por motivos organizativos, só os xogadores inscritos poderán acceder á zona de xogo.
O xoves, 10 de abril, ás 10:00 horas terá lugar un torneo dirixido aos estudantes dos centros de ensino medio da cidade. O evento celebrarase tamén no soto da Praza de Abastos e contará coa participación estimada de máis de 120 mozos e mozas. Cada centro participante poderá inscribir un máximo de 20 estudantes, que participarán nun torneo baixo o suízo a cinco roldas con partidas que terán un ritmo de 10 minutos máis un incremento de 3 segundos por xogada.
Ademais, o ciclo de hostalería do IES Sanxillao colaborará ofrecendo pastas e un obsequio para cada participante. O torneo será individual pero valoraranse os resultados dos catro mellores xogadores por equipo; en caso de empate considerarase o quinto membro.
A concelleira Iria Buide afirmou que o Goberno de Lugo mantén o compromiso por "achegar actividades aos centros educativos, organizando un ano máis estes torneos que terán lugar nun espazo emblemático como é o soto da Praza de Abastos". Segundo Iria Buide, "con estas iniciativas buscamos fomentar a práctica do xadrez e os seus beneficios en capacidades moi importantes como a concentración, a toma de decisións e a creatividade".
Estas actividades reflicten o compromiso do Concello de Lugo coa promoción do deporte e co desenvolvemento educativo da mocidade lucense.