O BNG-AA esixe a regulación dos sinais acústicos da rede semafórica
O nivel sonoro do sistema que emite indicacións acústicas, nos semáforos, para persoas con dificultades de visión foi reducido nun 20% para evitar molestias
É necesaria a instalación dun sistema acústico na semáforo de peóns da intersección de Bispo Aguirre coa Praza Xaquín Lourenzo e Anxo López Pérez dixo Arroxo
Lugo, 12 de agosto 2016. O grupo municipal do BNG-AA reclamará do goberno municipal que se faga unha regulación dos sinais acústicos da rede semafórica para que sexan audibles en horario diúrno. O nivel sonoro do sistema que emite indicacións acústicas, nos semáforos, para persoas con dificultades de visión foi reducido nun 20%, segundo informou algún dos afectados ao voceiro do BNG-AA. Segundo explicou Rubén Arroxo parece ser que esta redución se efectuou para evitar molestias que provocan en horario nocturno. Rubén Arroxo visitou algúns destes semáforos acompañado dunha persoa con dificultades de visión que padece, en primeira persoa, os problemas do colectivo.
É necesaria a instalación dun sistema acústico na semáforo de peóns da intersección de Bispo Aguirre coa Praza Xaquín Lourenzo e Anxo López Pérez dixo Arroxo. Arroxo explicou que este cruce é utilizado a diario por centos de persoas, algunhas delas con dificultades de visión, e resulta de especial dificultade por que os coches proceden de 3 rúa diferentes e a cantidade de ruido que hai sempre neste cruce dificulta a orientación das persoas invidentes. Arroxo sinalou que en Lugo tense avanzado moito neste senso pero temos que seguir avanzando por que non está todo feito.
As persoas con dificultade de visión que utilizan estes sinais acústicas como guías para moverse pola cidade teñen, durante o día, dificultades para escoitar con nitidez as mensaxes que se emiten dende a rede semafórica. Para Rubén Arroxo o goberno municipal pode buscar solucións que axusten o nivel sonoro en horario nocturno, pero non pode ser que as persoas que utilizan os sinais acústicos non poidan escoitar durante o día
Arroxo lembrou que cando se acometeu a segunda fase de instalación de semáforos sonoros, no ano 2008, dende o goberno municipal asegurábase que a instalación facíase contando coa opinión das asociacións afectadas, instalando un dispositivo de sinalización acústica con emisión de mensaxe de voz grabado, e con volume axustable, evitando así as posibles molestias á cidadanía e engadiu non entendemos por que agora se toma esta decisión unilateralmente dende o goberno e sen contar coas persoas afectadas.