O BNG PIDE UN PROGRAMA ESPECÍFICO DOS SERVIZOS SOCIAIS PARA INTERVIR NAS ZONAS MÁIS DEPRIMIDAS

O BNG PIDE UN PROGRAMA ESPECÍFICO DOS SERVIZOS SOCIAIS PARA INTERVIR NAS ZONAS MÁIS DEPRIMIDAS

A día de hoxe non existen programas específicos de prevención para a crecente exclusión social de persoas que non pertencían a grupos considerados de risco

“Non pode ser que a solución ao chavolismo sexa unicamente a intervención policial e a vía das sancións urbanísticas” dixo Cristina Ferreiro

Lugo, 11 de abril, 2014. O BNG pedirá, ao goberno municipal, o reforzo dos sevizos sociais e a creación dun programa específico para intervir nas zonas que teñen unha maior necesidade de apoio social. A edil nacionalista, Cristina Ferreiro, pediu reforzamento dos servizos sociais comunitarios con máis persoal. Para o BNG o concello precisa contar cunha programación específica para evitar que se fagan crónicos novos asentamentos chabolistas que están a proliferar dentro do concello. Ademais, Ferreiro, remarcou a necesidade dunha programación específica para prever novos casos de exclusión social en moitas familias que noutras circunstancias económicas nunca foron usuarias dos servizos sociais.

O BNG amosou, mediante preguntas escritas na Comisión de Benestar Social, o seu interese pola actuación da Concellería de Benestar e Igualdade en relación aos programas de inclusión social nas novas adxudicacións das vivendas do Barrio da Ponte. As preguntas estaban dirixidas ao traballo específico dos servizos sociais municipais para facilitar a inclusión social dos novos veciños e veciñas no barrio despois de todo o acontecido en relación á adxudicación destas vivendas. Compre, dende o punto de vista do BNG,  “reforzar o servizo e permitir aos profesionais dos servizos sociais que aporten os seus coñecementos para paliar, na medida das posibilidades do concello, o deterioro social e persoal de moitas familias e barrios”.

Cristina Ferreiro dixo, en relación aos asentamentos de persoas chavolistas, que “o BNG leva reclamando o fortalecemento dos servizos sociais con especial atención a esta área, para que se faga un traballo específico e activo, sen agardar a existencia de conflictos que logo son de moi difícil solución”. Para os nacionalistas “as traballadoras sociais do concello teñen constatado co seu traballo diario a súa capacidade de programación e de intervención social cando existe dirección política e sensibilidade para dirixir este traballo, capacidades das que parece carecer a Concelleira de Servizos Sociais”.

Ferreiro sinalou que “asistimos nos últimos tempos a un deterioro das condicións económicas e sociais na nosa cidade que a ninguén se lle escapa. As novas vivendas sociais no barrio da Ponte, a existencia do Carqueixo, as chabolas do Carme e de Paradai no seu día, e agora as de Rubías, son exemplos claros da necesidade dunha política decidida de programación específica para evitar e prever estas situacións”. As prioridades para o BNG e para Lugo van no camiño de atender as necesidades máis básicas da sociedade lucense. Concellerías como a de Servizos Sociais deberían ser as que estiveran a traballar neste momento con máis forza por que a sociedade así o precisa. Está claro que o goberno de Orozco é un goberno en descomposición que non está a traballar por Lugo e non atenden as necesidades dos lucenses.

 

Rubiás e Lamas de Prado

A incapacidade política da Concelleira para aproveitar os recursos existentes (o plan de alugueiro, profesionais con experiencia e ben formados), fai que este goberno local sexa incapaz de facerlle fronte a casos como o de Rubias, incapaz tamén de plantarse ante a Xunta de Galiza  para que se recuperen as axudas para a erradicación do chabolismo. A edil do BNG lembrou que “o pasado martes 8 de abril, por medio do seu Gabinete de Prensa, o Concello manifestaba que actuaría comprobando se tiñan licencia ditas edificacións”.

Ferreiro aclarou que “se ben é certo que a protección de menores é da Xunta de Galiza, non o é menos que o Concello ten a obriga, dentro do seu programa de inclusión social, de facer os informes pertinentes cando é publico e notorio que as necesidades máis básicas destas familias e menores non están atendidas”. En referencia á situación do barrio de Lamas de Prado, a edil do BNG lembrou que “Ana Abelleira, recén estreado o cargo en setembro de 2011, prometía un traballo específico neste barrio, un traballo na rúa e socializador, coa implicación das diferentes asociacións nel existentes. Parece que a teoría estaba ben, pero na práctica esta concelleira seguiu o camiño contrario”.