PARA O BNG “HAI QUE PREVIR OS INCENDIOS NO INVERNO E EXISTEN SOLARES EN PLENA CIDADE QUE SUPOÑEN UN PERIGO PARA AS VIVENDAS COLINDANTES”

O BNG-AA pide que se continúe actuando para manter os terreos urbanos sen maleza

“Ademais do perigo de incendio que se da no tempo seco, os solares que incumpren a normativa supoñen un foco de infeccións e suciedade” afirmou Arroxo

O BNG-AA pide que se continúe actuando para manter os terreos urbanos sen maleza

Lugo, 3 de decembro de 2017. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, trasladará ao goberno municipal unha proposta para que se continúe traballando na limpeza de terreos e solares. Arroxo dixo que “quen primeiro ten que dar exemplo son as administracións, mantendo as súas propiedades segundo se establece na norma” e engadiu “entendemos que a propiedade privada tamén ten que ser responsable e exercer as súas obrigas de limpeza e desbroce, especialmente na zona urbana”. O voceiro nacionalista dixo que “ademais do perigo de incendio que se da no tempo seco, os solares que incumpren a normativa supoñen un foco de infeccións e suciedade”.

Arroxo lembrou que “na última vaga de incendios incluso houbo lume no centro da cidade de Vigo e aquí non estamos libres de que poidan suceder cousas similares”. Para o BNG “hai que previr os incendios no inverno e existen solares en plena cidade que supoñen un perigo para as vivendas colindantes”. O voceiro do BNG sinalou que “o goberno municipal ten ferramentas legais, dende fai moito tempo, para que se cumpra a normativa municipal que obriga a propietarios a manter os terreos nas debidas condicións”.

O voceiro do BNG-AA lembrou que “recentemente a alcaldesa anunciou que se ían tomar medidas e actuar subsidiariamente naqueles espazos que o requiran”. Arroxo sinalou que nalgunhas zonas da cidade, como nas inmediacións da rúa Campos Novos “existen varios predios que están pendentes de que se constrúa neles e agora mesmo permanecen cheos de maleza e sen cumprir coa normativa do concello a respecto do peche perimetral que deben manter”.