RUBÉN ARROXO INSISTIU NO EXEMPLO DO GOBERNO DE LUGO Á HORA DE DISPOÑER AS INFRAESTRUTURAS PÚBLICAS Á VECIÑANZA, TAL E COMO FIXO CO APARCADOIRO DO SEMINARIO
O BNG reclamará no vindeiro pleno municipal a apertura de aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta de Galiza
Instará á Xunta a abrir os aparcadoiros dos IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti e da Facultade de Formación do Profesorado en horario de tarde
Lugo, 20 de abril de 2024. O BNG defenderá unha proposición no vindeiro pleno municipal para reclamar apertura de aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta de Galiza. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que o Concello de Lugo "é exemplo de como as institucións poden poñer á disposición das veciñas e veciños as infraestruturas públicas, tal e como aconteceu coa apertura ao público, polas tardes, do aparcadoiro do Seminario". Ese espazo, explica Arroxo, pasou de estar reservado a persoal do Concello a ser accesible para toda a veciñanza, abrindo un camiño que debe prolongarse para optimizar os recursos públicos dispoñibles para mellorar a mobilidade dentro da cidade, insiste o portavoz do BNG.
En Lugo existen outros espazos xestionados pola Xunta de Galiza que poderían ampliar a capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade e que beneficiaría o acceso das veciñas e veciños a esta zona. Para Rubén Arroxo "é positivo que se incremente o número de prazas de aparcadoiro na zona do parque e da Avenida Ramón Ferreiro aproveitando os aparcadoiros do IES Virxe do Ollos Grandes, Lucus Augusti e da Facultade de Formación do Profesorado", na actualidade con prazas reservadas as 24 horas para vehículos autorizados e inaccesibles para o público xeral, explica.
Neste senso, Arroxo anuncia que no vindeiro pleno o grupo municipal do BNG instará á Xunta de Galiza a abrir os aparcadoiros dos IES Virxe do Ollos Grandes e Lucus Augusti e da Facultade de Formación do Profesorado pola tarde nun horario "que non afecte ao uso educativo dos distintos espazos, optimizando o espazo público para o estacionamento de vehículos, e garantindo máis capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade de Lugo", conclúe o portavoz do BNG.