O BNG continúa a traballar pola creación do xulgado de violencia de xénero de Lugo

As mulleres da organización celebraron unha accción reivindicativa diante do xulgado para que o Goberno do Estado cumpra co acordo de creación deste órgano específico

Maite Ferreiro “seguimos a traballar para que se instaure en Lugo un xulgado específico en violencia de xénero, xa é unha reclamación histórica”

O BNG continúa a traballar pola creación do xulgado de violencia de xénero de Lugo

Lugo, 24 de novembro de 2022.- As mulleres do Bloque Nacionalista Galego na comarca de Lugo celebraron unha acción reivindicativa diante dos xulgados de para que o Goberno do Estado cumpra os acordos de creación dunha sala específica en materia de violencia de xénero.

Este acto súmase ao traballo que o BNG leva desenvolto, tanto na mobilización social como no traballo institucional, polo establecemento en Lugo deste xulgado, fundamental para loitar contra a violencia machista.

A organización propón un sistema comarcalizado deste servizo xudicial, no que se acollan todos os casos que se produzan en Lugo, facendo posíbel unha atención próxima ás vítimas e reducir a perturbación que o proceso xudicial implica. Ademais de ser atendido por profesionais cualificados na materia.

Maite Ferreiro, viceresponsábel comarcal do BNG en Lugo, declarou “seguimos a traballar para que se instaure en Lugo un xulgado específico en violencia de xénero, esta reclamación histórica é mais necesaria que nunca para loitar contra a lacra machista na sociedade”

De igual modo, Ferreiro salientou que o BNG seguirá a promover iniciativas a través do deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, para conquerir este xulgado “o BNG continuará vixiante en Madrid para que se cumpra o acordo de creación do xulgado; é unha obriga que Lugo conte con el canto antes”

O BNG continúa a traballar pola creación do xulgado de violencia de xénero de Lugo