ARROXO LEMBROU QUE O GOBERNO MUNICIPAL ANUNCIARA A EXPROPIACIÓN DUN TRAMO PARA UNIR OS PASEOS DE MIÑO E RATO “PERO NADA SE FIXO E O PASEO SEGUE PECHÁNDOSE POLA MALEZA”

O BNG pregunta pola unión dos paseos do Miño e do Rato anunciada polo Goberno Municipal

“O ano pasado tivemos que debrozar un tramo de camiño e queremos saber se este ano teremos que volver” dixo Rubén Arroxo

O BNG pregunta pola unión dos paseos do Miño e do Rato anunciada polo Goberno Municipal

Lugo, 11 de xuño de 2018. “O Goberno Municipal ten anunciado en diferentes ocasións a súa intención de proceder á expropiación dunha franxa de terreo para unir definitivamente os paseos do Miño e do Rato pero nada se fixo e o paseo segue pechándose pola maleza” dixo Rubén Arroxo e engadiu “o ano pasado tivemos que debrozar un tramo de camiño e queremos saber se este ano teremos que volver”. O BNG levará á comisión correspondente unha pregunta para saber se houbo incoación do expediente de expropiación dunha franxa de terreo para unir os parques do Miño e do Rato e en que situación se atopa.

Arroxo tamén quixo lembrar a existencia dun acordo plenario de decembro do 2015 “o pleno municipal aprobou por unanimidade unha proposición do BNG para instar ás diferentes administracións que se faga un mantemento constante e un arranxo das deficiencias destes sendeiros, que son un espazo de ocio da veciñanza de Lugo, o certo é que precisamente dende que se deu este acordo, é cando menos atención se lle está a dar” explicou o portavoz nacionalista, lembrando que “de pouco serven estes espazos verdes se non se lles acometen os mantementos precisos”.   

O concello debería actuar e garantir a titularidade pública deste tramo de camiño para poder incluír a súa limpeza na rutina habitual co resto do terreo dos parques. En setembro de 2017 militantes e simpatizantes do BNG reuníronse para limpar de maleza o tramo de camiño que une o paseo do Miño co do Rato. Arroxo sinalou que en diversas ocasión “reclamamos que se fixera o desbroce nesta zona e parece que este ano vaise repetir a secuencia dos feitos”. O sendeiro que está situado paralelo á N-VI estaba practicamente pechado pola maleza, causando molestias as centos de persoas que diariamente se moven pola zona.

O concelleiro do BNG explicou que “non é aceptable que se deixe pechar o camiño pola maleza nestes momentos non era posible cruzarse dúas persoas, nun sendeiro que cando está limpo ten un ancho cómodo e seguro”. Cómpre ter en conta que é un tramo curto de en torno a 300m, “e que non supón ningún esforzo económico para a administración mantelo despexado”. O portavoz nacionalista lamenta o pouco interese que teñen as diferentes administracións nas zonas verdes do municipio “temos o luxo de vivir nunha cidade rodeada de espazos que son unha autentica marabilla, mais a pesar disto as administracións fan moi pouco por mantelas atendidas” explicaba o concelleiro do BNG.