O BNG PROPÓN, ADEMAIS, UN PLAN PARA A RETIRADA DAS PLACAS DA FALANXE QUE QUEDAN EN MOITAS COMUNIDADES DE VECIÑOS DA CIDADE

O BNG urxe ao goberno municipal a executar a retirada do escudo franquista do colexio das Mercedes

“A actuación da Xunta de Galiza foi tardía pero exemplar, aínda que queda pendente o escudo do edificio de Sanidade na rúa María Balteira” dixo Arroxo

O BNG urxe ao goberno municipal a executar a retirada do escudo franquista do colexio das Mercedes

Lugo, 11 de decembro de 2017. O voceiro do BNG, Rubén Arroxo, pediu que se retire do colexio das Mercedes o escudo franquista que permanece na fachada da rúa Montirón. Arroxo manifestou que “a actuación da Xunta de Galiza foi tardía pero exemplar, aínda que queda pendente o escudo do edificio de Sanidade na rúa María Balteira”  e engadiu “entendemos que agora debe ser o goberno municipal quen execute a retirada do escudo do Colexio das Mercedes que permanece na fachada da rúa Montirón”.

“Algúns símbolos da ditadura xa quedaron en almacéns municipais e outros deben ser retirados para cumprir coa lei de memoria histórica” sinalou Arroxo e lembrou que “grazas ao BNG avanzouse na limpeza da simboloxía franquista pero aínda quedan cousas”. Ferreiro sinalou que grazas ás iniciativas do BNG co apoio das outras forzas políticas, e a pesar do voto en contra do partido popular, o concello de Lugo mudou nomes de rúas que honraban a persoas vencelladas á ditadura. O BNG continuará co campaña para denunciar os incumprimentos da Lei de Memoría Histórica e que dificulta actuacións como recuperación de patrimonio roubado ás galegas e galegos como o propio Pazo de Meirás en Sada que continúa a ser propiedade da familia do ditador e que a súa xestión caeu en mans da Fundación Francisco Franco.

Placas da falanxe en comunidades de veciñais

O voceiro nacionalista lembrou que en Lugo, e outras cidades, aínda quedan moitos edificios que teñen pequenas placas nas súas fachadas que teñen os símbolos da falanxe e pediu que o concello estableza un procedemento de retirada das placas con simboloxía franquista para aquelas comunidades de veciños sen que lles supoña ningún tipo de custo. “É un xeito de avanzar na imaxe democrática do noso concello e de facer xustiza con todas as persoas que foron represaliadas” afirmou Rubén Arroxo. O concello deberá artellar un mecanismo para que o concello asuma os gastos de retirada das placas nas comunidades de propietarios que o desexen eliminar estes símbolos.