FERREIRO: "TODOS OS BARRIOS DA CIDADE ACOLLERÁN PASARRÚAS DURANTE AS FESTAS, E O MAGO ANTÓN REALIZARÁ DISTINTOS PASES NAS ZONAS CON MÁIS POBOACIÓN"

Maite Ferreiro: "o San Froilán contará con actividades en todos os barrios de Lugo"

IMG_0001 (8)
IMG_0001 (8)

A edil de Cultura e o Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, visitaron o Magomóbil do Mago Antón, que achegará maxia durante as festas a unha selección de prazas da cidade

Ferreiro: "todos os barrios da cidade acollerán pasarrúas durante as festas, e o Mago Antón realizará distintos pases nas zonas con máis poboación"

Maite Ferreiro: "o San Froilán contará con actividades en todos os barrios de Lugo"

Lugo, 10 de setembro de 2023. Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, xunto co Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo visitaron ao Mago Antón, que durante o San Froilán realizará o seu espectáculo itinerante O San Froilán Máxico no teu barrio. Ferreiro destacou que "o San Froilán 2023 terá actividades en todas as zonas da cidade, ben con pasarrúas, que se realizarán nos distintos barrios ou coa presenza do Mago Antón, que se estará nas nas zonas de máis poboación".

O espectáculo do Mago Antón estará Milagrosa (día 5, praza Agro do Rolo), en Fontiñas (día 7, Praza do Camiño Primitivo), no Castiñeiro (día 8, praza do Castiñeiro) e en Augas Férreas (día 12, praza de Augas Férreas), cun total de 4 funcións diarias. Maite Ferreiro afirmou que "nos últimos anos as funcións do Mago Antón foron un éxito de asistencia entre as veciñas e veciños da zona e este ano buscamos repetir o éxito cun espectáculo completamente novo".

O Mago Antón realizará o espectáculo O romance do Conde de Cagliostro (unha historia do Camiño), unha historia sobre  un fascinante mago que, utilizando os seus poderes, desapareceu en Roncesvalles perante uns peregrinos, deixando soamente as súas sandalias e o Códice cos seus segredos, e aparecendo por arte de maxia ás portas da catedral, sen peregrinar. Descuberto polo Apóstolo, é enviado ao limbo. O Mago Antón, coñecedor desta lenda, decídese a realizar trescentos anos despois o camiño inconcluso de Cagliostro, para liberalo da súa prisión e permitilo entrar na catedral.

A Historia parte de un romance escrito por Darío Xohan Cabana, á maneira dos antigos cantares de cego e baseado no romance de Don Gaiferos, e foi musicalizado por Mini, o cantante e músico que pertenceu aos grupos de folk galego Fuxan os Ventos e A Quenlla.

A actividade realizarase no Magomóbil, un vehículo especialmente deseñado para a presentación de espectáculos de maxia de salón. Con trece metros de longo, ten unha capacidade para oitenta espectadores. Conta con gradas, aire acondicionado, equipo de son, iluminación, canón de luz, grupo electróxeno e outros dispositivos técnicos que fan que sexa totalmente autónomo.

En cada praza terán lugar catro funcións. En cada unha das funcións haberá aforo para 85 espectadores, un total de 340 espectadores por xornada.

O espectáculo componse de diversos xogos guionizados, que xiran en torno á historia de Cagliostro—como a aparición da galiña de Santo Domingo da Calzada, ou a invocación da pantasma de Cagliostro que lle facía cobrar vida á súa capa—, e finaliza cunha gran ilusión de principios do século XX chamada Os Pantasmas de Pepper, integrada na estrutura do Magomóbil.

Maite Ferreiro: "o San Froilán contará con actividades en todos os barrios de Lugo"