FERREIRO LEMBROU AS ILEGALIDADES COMETIDAS POR ESTA EMPRESA NO DIQUE DO MIÑO E A FALTA DE CAPACIDADE PARA XESTIONAR A FÁBRICA DA LUZ “A PESAR DOS FAVORES OFRECIDAS POLO PSOE”

“O PSOE continúa entregando contratos a empresas vinculadas a Liñares e á corrupción” dixo Maite Ferreiro

Para o BNG-AA “non é normal que se poña en mans dunha empresa como INCA o futuro do destino dos 12,5 millóns de euros do proxecto Mura-Miñae”

“O PSOE continúa entregando contratos a empresas vinculadas a Liñares e á corrupción” dixo Maite Ferreiro

Lugo, 30 de agosto 2017. O BNG – Asambleas Abertas criticou a concesión da redacción dos proxectos do programa EDUSI á empresa INCA. Maite Ferreiro lembrou que “esta empresa foi, por exemplo, a responsable da construción ilegal dun dique no río Miño e está inmersa na operación Pokemon por sobornos e concesión ilegal na xestión da fábrica da Luz” e sinalou “que o representante da empresa en Lugo, Miguel García-Gesto, foi socio con Liñares na creación da empresa ARTENOSA que xestionaba a publicidade dos buses urbanos tras unha concesión feita polo goberno socialista”.

“O PSOE continúa entregando contratos a empresas vinculadas a Liñares e á corrupción” dixo Maite Ferreiro. Para o BNG-AA “a sombra de Liñares e da corrupción segue envolvendo a este goberno socialista que ademais desta concesión mantén o contrato para a xestión das salas museísticas a unha filial de VENDEX e o contrato con CECHALVA para o servizo de guindastre”. Para o BNG-AA “non é normal que se poña en mans dunha empresa como INCA o futuro do destino dos 12,5 millóns de euros do proxecto Mura-Miñae”.

Ferreiro explicou que o representante desta empresa, Miguel García-Gesto, mantivo “negocios e cazoleos” con Liñares e ostentou a representación de INCA durante todo o conflicto do dique ilegal construído no río Miño, “mesmo levando a xulgado a persoas que formaban parte da Plataforma Lugo de Cara ao Miño con acusacións falsas”. Ferreiro lembrou as ilegalidades cometidas por esta empresa no dique do Miño e a falta de capacidade para xestionar a Fábrica da Luz “a pesar dos favores ofrecidas polo PSOE”.

Falta de transparencia nas mesas de contratación

O BNG–AA  lembrou que hai unha iniciativa plenaria aprobada na que se pedía que os grupos políticos con representación na corporación teñan presenza nas mesas de contratación e nas xuntas de compras. “A alcaldesa e o equipo de goberno converteron os órganos de contratación en órganos opacos e carecemos de información sobre o que sucede alí e non temos acceso previo ás ordes do día nin ao que se vai tratar” sinalou Maite Ferreiro. “Cando daba inicio o actual mandato, unhas das primeiras medidas tomadas foi precisamente a implantar a opacidade nestes dous órganos municipais, dando un paso atrás de moitos anos na transparencia do Concello de Lugo” afirmou Ferreiro.