Imprimir

O BNG preguntará se URBASER cumpriu cos compromisos marcados no contrato de concesión

bnglugocentro | 07 de Novembro de 2018

Máquina de URBASER diante dos Xulgados de Lugo
Máquina de URBASER diante dos Xulgados de Lugo

“Preguntaremos a que se dedicaron estes fondos que superan os 700.000 euros en todos estes anos” dixo Arroxo

Lugo, 7 de novembro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que presentarán unha serie de preguntas en relación as melloras ofertadas pola empresa URBASER no momento da concesión do servizo de limpeza, transporte e recollida do lixo. “Naquel momento, ano 1996, a empresa adxudicataria presentou unha serie de melloras para optar ao contrato e queremos saber se a esa oferta de melloras se lles deu cumprimento” dixo Arroxo.

Unha das melloras presentadas pola empresa era destinar un 0,5% do importe do contrato anual, uns 7,2 millóns de euros, a campañas de difusión en concienciación. Na propia oferta da mellora estaba descrito o destino  destes, aproximadamente, 35.000 € anuais. Segundo o reparto ofertado pola propia empresa irían destinados o 15 % a valados publicitarios (5.205 € aproximadamente), o 15 % a marquesiñas (5.205 € aproximadamente), o 25 % a radios (8.750 € aproximadamente), o 15 % a prensa escrita (5.205 € aproximadamente) e o 30 % a folletos e tebeos (10.500 € aproximadamente). Estas ofertas aparecen reflexadas no Tomo A.13 do Estudo Económico no apartado 5.2 e en apartados Tomo A.11 das Melloras.

Durante os anos nos que a empresa tivo contrato co concello de Lugo e onde segue recibindo pagos a través de facturas, a empresa tería que ter destinados uns 700.000 € ao pago de campañas de difusión tal e como estaba previsto nas oferta de mellora. “Preguntaremos a que se dedicaron estes fondos que superan os 700.000 euros en todos estes anos” dixo Arroxo e engadiu que “é unha cantidade moi importante e queremos saber cal foi o seu destino final”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-preguntara-urbaser-cumpriu-cos-compromisos-marcados-contrato-concesion/20181107125330006904.html


© 2018 Comarca de Lugo Centro

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal