Imprimir

Rubén Arroxo “temos un proxecto claro para o servizo de buses, para que pasen cada 10 minutos”

bnglugocentro | 23 de maio de 2019

O BNG propón crear 6 liñas no eixo norte-sur para que o tempo de espera nas principais paradas sexa de 10 minutos

Lugo, 23 de maio de 2019. O candidato do BNG á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, presentou unha proposta para reformular o servizo de buses no concello de Lugo. Arroxo lembrou que o servizo de buses funciona co mesmo deseño que puxo en marcha o BNG no ano 2001 e “a pesares de que presentamos numerosas iniciativas e pedimos a comparecencia da alcaldesa, Lara Méndez non fai nada par que a empresa adxudicataria cumpra coas condicións do contrato”.

Arroxo propón a creación de 6 liñas que crucen de norte a sur a cidade e que pasen cada 10 minutos polas principais paradas. Na reformulación tamén se contempla modificar o servizo nos barrios, a última modificación foi feita polo BNG no ano 2001 e non se corresponde coa realidade actual.  Arroxo sinalou que “o PSOE permite o incumprimento do contrato reiteradamente, en xuño de 2017 tiñan que estar funcionando as novas liñas, as pantallas dixitais e a aplicación para dispositivos móbiles”.

Dentro do plan de transporte público Rubén Arroxo propuxo a creación dun servizo de taxi a demanda para as parroquias do rural. O candidato do BNG sinalou que se trata dunha proposta que se levará a cabo co colectivo de taxistas, os taxis serán compartidos e coordinados dende o servizo de radio-taxi para optimizar o seu funcionamento. Trataríase de organizar rutas diarias en función da demanda existente e as persoas usuarias pagarían o mesmo prezo que o establecido para os autobuses urbanos.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/ruben-arroxo-temos-proxecto-claro-servizo-buses-pasen-cada-10-minutos/20190523131129007286.html


© 2019 Comarca de Lugo Centro

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal