EXISTE UN INFORME DO COMITÉ DE BIOÉTICA QUE DI “A CASUÍSTICA INDIVIDUAL MINORITARIA NON PODE SERVIR DE PRETEXTO PARA A BANALIZACIÓN E SISTEMATIZACIÓN DESTA PRÁCTICA”
O BNG celebrou unha charla-debate sobre os Ventres de Aluguer con María Reimóndez e Olalla Rodil
Rodil sinalou que “é un debate aberto no que o BNG ten unha posición definida e contraria a utilizar ás mulleres como incubadoras”
Lugo, 29 de setembro de 2017. O BNG promoveu unha charla-debate sobre os Ventres de Aluguer que se celebrou no salón de actos do Centro Social Uxio Novoneyra de Lugo. Participaron como relatoras a parlamentaria Olalla Rodil e a escritora e activista feminista María Reimóndez. Rodil aproveitou a ocasión para reiterar o posicionamento do BNG sobre esta cuestión e sinalou que “para o BNG trátase dunha explotación máis do corpo das mulleres máis empobrecidas e vulnerábeis”. O BNG oponse á legalización, regulamentación e banalización deste fenómeno que nos últimos tempos foi sometido a unha mediatización dirixida baixo termo “xestación subrogada”.
En relación aos casos nos que se fai de xeito altruista, Olalla Rodil sinalou “somos sabedoras da existencia de casos específicos e moi minoritarios que caen fóra da rede do negocio que se tece ao redor do alugueiro dos ventres naqueles países onde xa existe unha lexislación que o permite (os casos de xestación “altruísta” para outras/os por parte de familiares o amigas), o BNG entende que a casuística individual minoritaria non pode servir de pretexto para deixar a porta aberta á banalización e sistematización desta práctica a través dunha lexislación que a ampare aos ollos da sociedade, tal como recolle o Informe sobre los aspectos éticos y jurídicos de la maternidad subrogada (IAEJMS) emitido recentemente polo Comité de Bioética de España.
Olalla Rodil afirmou “preferimos falar sempre da realidade que esta práctica supón baixo a denominación ventres de alugueiro, un termo que visibiliza o feito de estas mulleres seren utilizadas como incubadoras e do que se desprende claramente a desigualdade na relación contractual que se pretende: unha persoa ou unha parella con capacidade adquisitiva recibe, a cambio dun prezo, compensación económica ou resarcimento económico, unha crianza xestada no ventre doutra muller dunha posición económica inferior”.
Rodil explicou ”o debate mediático xira ao redor do desexo de ser nai ou pai biolóxico e as garantías legais para quen “contrata” este servizo, mentres que a muller cuxo corpo se aluga pasa a ser un simple receptáculo xestante, un mero obxecto con valor comercial, despoxado da súa dignidade humana”. “Resulta esencial indagar nas consecuencias que ten a realización destes desexos para estas mulleres, quen son e por que aceptan pór en risco a súa saúde e mesmo a súa propia vida para xestar unha criatura en beneficio doutras persoas” concluiu a parlamentaria do BNG.