“SON DOUS PROBLEMAS MOI CONCRETOS EN DÚAS ZONAS CONCRETAS DA CIDADE QUE HAI QUE ANALIZAR DENDE O ÁMBITO DOS SERVIZOS SOCIAIS” DIXO MAITE FERREIRO
O Consello Municipal de Servizos Sociais debería abordar as problemáticas da Tinería e a Milagrosa
A edil Maite Ferreiro pediu que se convoque á volta do San Froilán e que se cumpra o acordo de incluír na orde do día as propostas de diferentes colectivos sociais
Lugo, 2 de outubro de 2017. A edil do BNG-AA, Maite Ferreiro, pediu que “despois do San Froilán se convoque ao Consello Municipal de Servizos Sociais para analizar a situación que se está a dar nos barrios da Tinería e da Milagrosa” e engadiu “os medios de comunicación veñen recollendo dende fai tempo a situación de ámbolos dous barrios que afectan á convivencia e poden xenerar importantes problemas se non se fai nada para evitalo, e o goberno local ten a responsabilidade de tomar a iniciativa”. Ferreiro lembrou que “o regulamento do Consello marca que as xuntanzas serán cada seis meses e dende o mes de febreiro non houbo convocatoria”.
No Consello Municipal de Servizos Sociais están representadas entidades sociais que teñen ampla experiencia de traballo con colectivos de inmigrantes e de mulleres que exercen prostitución
Por iniciativa do BNG, na última xuntanza do Consello Consello Municipal de Servizos Sociais, acordouse que se recollan as propostas dos diferentes colectivos. Maite Ferreiro explicou que “as últimas xuntanzas foron adicadas, unicamente, a que, tanto o goberno municipal como as entidades, deran conta das actividades que estaban realizando pero non se fixeron propostas para avanzar no tratamento de problemáticas sociais que atinxen a diferentes zonas da cidade e do concello”.
No Consello Municipal de Servizos Sociais están representadas entidades sociais que teñen ampla experiencia de traballo con colectivos de inmigrantes e de mulleres que exercen prostitución “o goberno ten que aproveitar a experiencia destas entidades e poñer os recursos necesarios para tratar de dar solución aos problemas que están xurdindo na cidade” afirmou Ferreiro que pediu “a implicación das diferentes administracións e entidades para buscar, entre todas, medios que permitan reverter a situación actual”.
Reorganización da área de Servizos Sociais
Maite Ferreiro sinalou que a área de Servizos Sociais precisa dunha actualización e reorganización “para adaptala ás necesidade reais deste momento”. A edil do BNG suliñou que “o concello precisa incrementar o persoal adicado á atención dos servizos sociais” e afirmou “que son coñecidas por todas e por todos as carencias deste servizo municipal que se ve insuficiente para atender todas as demandas”. A edil do BNG lembrou que “son moitos os retrasos en atención a persoas que demandan diferentes cuestións dos Servizos do Concello”.