O BNG SEMPRE DEFENDEU O ALUGUEIRO COMO FORMA DE ORIENTAR O TIPO DE NEGOCIOS QUE SE INSTALAN NESTA ZONA EMBLEMÁTICA DA CIDADE
O BNG preguntará se a Xunta valorou que na Tinería se instalen novos locais “incompatibles coa vida nun barrio”
“Algún dos baixos que se poñen á venta poderían albergar elementos patrimoniais importantísimos, como cloacas romanas, que poden ir a mans privadas” dixo Arroxo
Lugo, 3 de outubro de 2017. O voceiro do BNG manifestou a súa sorpresa ante o anuncio da Xunta de Galiza de sacar á venta diversos inmobles no barrio da Tinería. Rubén Arroxo sinalou que “dende o BNG sempre defendemos o alugueiro como forma de orientar o tipo de negocios que se instalan nesta zona emblemática da cidade” e explicou que “se hai unha venta ao mellor postor, tal e como plantexa o PP, os locais poderían albergar negocios incompatibles coa vida nun barrio”. O BNG preguntará se a Xunta valorou que na Tinería se instalen novos locais “incompatibles coa vida nun barrio”.
Arroxo lembrou que “foi o BNG dende o goberno da Xunta quen apostou pola rehabilitación e rehabitación da zona e agora vemos como o PP aposta por favorecer o pelotazo inmobiliario e facer unha oferta low-cost de inmobles que son patrimonio público e no que se investiron fondos millonarios”. Ademais Arroxo dixo que “algún dos baixos que se poñen á venta poderían albergar elementos patrimoniais importantísimos, como cloacas romanas, que poden ir a mans privadas”.
“O BNG aposta por un modelo de alugueiro co cal a Xunta mantería a propiedade dun patrimonio público no que se investiron moitos millóns de euros de capital público” afirmou Rubén Arroxo que lamentou “a pouca capacidade de xestión do goberno do PP que prefire desfacerse destes inmobles que forman parte do patrimonio público ante a falta de capacidade para darlles unha ocupación que contribúa á recuperación deste barrio”.