Néstor Rego achégase até Monterroso para comprobar o estado da gandaría ante a suba dos prezos
O deputado do BNG no Congreso mantivo un encontro cun produtor de porco celta, unha explotación de leite e unha explotación de tenreira galega suprema
Néstor Rego “É preciso que se garanta o cumprimento do contido da Lei da Cadea Alimentaria”
Monterroso, 03 de xuño 2022.- O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, visitou diversas explotacións no concello de Monterroso para comprobar, de primeira man, o estado da gandaría ante a brutal suba de prezos e a crise de materias primas.
O deputado da cámara baixa estivo acompañado polo responsábel local do BNG en Monterroso, Brais Vázquez e diversos militantes e simpatizantes da organización nacionalista na comarca da Ulloa.
“Os insumos, como poden ser os cereais ou a subida da luz e o dos carburantes, están incrementando os custos de produción, e a isto, hai que sumarlle a tendencia á baixa dos prezos” destacou Nestor Rego ante a situación que están a padecer os produtores.
Ante este contexto, o deputado sinalou que o BNG impulsou diversas iniciativas para garantir o cumprimento da cadea alimentaria “é preciso que se faga efectivo o contido da Lei da Cadea Alimentaria, por isto desde o BNG impulsamos iniciativas para que se cumpra e se asegure aos produtores que non vendan por debaixo do custo de produción”
Neste senso, o deputado nacionalista destacou que nas iniciativas rexistradas no Congreso apostan pola introdución de parámetros técnicos para fixar prezos “existen mecanismos como poden ser os estudos que realizan os observatorios ou as universidade para poder fixar un prezo de referencia, e así, garantir que os produtores non vendan por debaixo do custo de produción”