Rubén Arroxo e Felipe Rivas asisten aos vieiros escolares do colexio Franciscanos
Felipe Rivas: “colaboramos co centro para continuar a avanzar na posta en marcha de vieiros escolares seguros nos distintos colexios de Lugo”
O Goberno de Lugo habilitou un punto de bica e baixa para que as familias poidan deixar ás nenas e nenos nun punto de partida seguro para os vieiros, sen crear conxestións de tráfico
Lugo, 03 de xuño de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, asistiron esta mañá ao comezo dos vieiros escolares organizados polo colexio Franciscanos. “Desde o Goberno de Lugo colaboramos coa iniciativa posta en marcha polo centro, avanzando no obxectivo de implantar vieiros escolares en todos os centros de ensino da cidade e fomentando hábitos saudables nas nenas e nenos”, explicou Felipe Rivas.
O Goberno de Lugo habilitou un punto de bica e baixa, no que as familias poden deter o seu coche para deixar ás nenas e nenos na rúa Salvador de Madariaga sen crear conxestións de tráfico. A Praza de Bretaña, xunto coa rúa Quiroga Ballesteros son os dous puntos de partida escollidos polo centro para crear as rutas escolares seguras.
Os vieiros escolares están a funcionar tamén no colexio de Albeiros, neste caso xestionados pola concellería de Educación. Felipe Rivas afirmou que “os vieiros están xa asentados neste centro, con máis de 40 nenas e nenos que diariamente fan o percorrido a pé desde os dous puntos de partida habilitados”.
A posta en marcha dos vieiros escolares implica tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade, reducíndose o uso do vehículo privado", explicou Felipe Rivas, que afirmou, "en todas as cidades nas que se promoveron, vimos como se eliminaron os problemas de tráfico nas entradas e saídas dos centros de ensino que actualmente podemos ver en Lugo".