Rubén Arroxo visita a renovación da rúa Luís Seoane
Rubén Arroxo: “apostaremos pola plataforma única, modelo que demostrou a súa viabilidade en rúas estreitas e está xa a funcionar na zona de Fingoi de Abaixo”
Esta conversión permitirá gañar un espazo para as persoas, sen perder prazas de estacionamento, e ten un prazo de execución de 5 meses cun orzamento 388.429,75€
Lugo, 02 de xuño de 2022. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, visitaron a rúa Luís Seoane, onde comprobaron os avances realizados na renovación da rúa. “Trátase dun proxecto importante para a mellora estética do barrio da Milagrosa, no que apostamos polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, un modelo que está a funcionar noutras cidades e que demostrou a súa viabilidade en rúas estreiras”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “en Lugo xa aplicamos este modelo noutras zonas da cidade como a rúa Sanxillao ou en Fingoi de Abaixo”.
A solución que executará o Goberno de Lugo eliminará as barreiras arquitectónicas da rúa, creando unha serie de espazos de relación e descanso que permitirán o desfrute da zona por parte da veciñanza, potenciando o carácter vivo da rúa ao longo do día. Estes espazos de relación dotaranse de mobiliario urbano como bancos e papeleiras, xerando pequenas prazas que favorezan o caracter peonil do conxunto. Ademais, manteranse as árbores existentes na súa posición actual, garantindo zonas de sombra.
Xunto coa transformación da rúa, renovaranse tamén os servizos soterrados, como o alumeado, cuxa instalación se soterrará, e prepararse tamén o sistema de canalizado para facilitar o soterramento das instalacións de electricidade e telefonía. O modelo de Plataforma Única, permitirá gañar espazo para o tránsito peonil, sen afectar á dispoñibilidade de prazas de estacionamento.
Coa renovación do alumeado público avanzarase na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual. Rubén Arroxo explicou que “o novo alumeado mellorará a seguridade da zona, ao contarse cun novo alumeado máis uniforme, ao mesmo tempo que se mellora a estética da zona e se reduce o consumo enerxético”. O Goberno de Lugo inviste 388.429,75€ nesta actuación.