A Vicepresidencia promove actuacións teatrais e intervencións artísticas pola provincia para reivindicar a actualidade da obra de Rosalía

Maite Ferreiro e artistas

Os Quinquilláns, Urdime e Culturactiva levarán aos concellos da provincia tres montaxes inspiradas na autora

O 24 de febreiro, os museos da Rede provincial agasallarán cunha lámina da ilustradora guitiricense Alba Nimbos sobre un poema de Cantares Galegos

A Vicepresidencia promove actuacións teatrais e intervencións artísticas pola provincia para reivindicar a actualidade da obra de Rosalía

Lugo, 22 de febreiro de 2021.-  A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro presentou  a programación organizada pola área de Cultura arredor do Día de Rosalía, que se celebra o 24 de febreiro.

Tomando como punto de partida esta data, a Vicepresidencia programará, en colaboración con concellos, asociacións e centros educativos, quince representacións teatrais das obras “A pluma víva de Rosalía” de Os Quinquilláns, “Rosalía” de Culturactiva e “A viaxe de Rosalía” de Urdime, montaxes inspiradas na vida e obra da autora.

Tamén se promoverán vinte intervencións artísticas en espazos públicos ou xestionados por asociacións e centros educativos a cargo dos muralistas e grafiteiros Pablo Lage (Van Kraft) e Manuel Andrés Pallín de Concepto Circo.

“Son propostas que invitan a achegarse á figura de Rosalía de Castro desde unha perspectiva actual, que sitúan a esta autora cabeceira da literatura galega tamén como referente na defensa das mulleres, dos dereitos sociais e da lingua e da cultura. Cremos que inciden nese carácter popular, festivo, e tamén reivindicativo co que se ven celebrando o Día de Rosalía desde hai unha década, co impulso do mundo da cultura e do ensino. Con este catálogo de propostas, queremos seguir involucrando ao tecido asociativo pero tamén aos concellos na revalorización da figura de Rosalía ”, explicou Maite Ferreiro.

“O ano pasado concentramos a programación no mes de febreiro pero, dada a situación sanitaria, neste edición optamos por flexibilizar o calendario e facilitar que estas actuacións e intervencións artísticas poidan realizarse ao longo do ano. A obra e a figura de Rosalía admite múltiples enfoques, polo que calquera data será boa para achegarse a ela a través destas propostas culturais”, sinalou.

Os museos agasallan as visitas cunha fror e unha ilustración sobre versos de Rosalía

O Día de Rosalía, o 24 de febreiro, os catro museos da Rede Museística Provincial – o Museo de Lugo, o Museo do Mar de San Cibrao, o Pazo de Tor e o Fortaleza de San Paio de Narla- agasallarán as visitas cunha lámina deseñada pola ilustradora guitiricense Alba Nimbos, un debuxo en carbón inspirado no poema “Cando a luniña aparece” de Cantares Galegos, e unha fror natural.

As láminas poderán recollerse no horario habitual de apertura dos museos, seguindo un protocolo adaptado á situación sanitaria: control de temperatura, rexistro dos datos de contacto, distancia de seguridade e uso de xel hidroalcólico antes de recoller as ilustracións. 

Apoio ao manifesto de AELG

A Vicepresidencia da Deputación sumarase á lectura do manifesto do Día de Rosalía da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que se celebrará o mércores 24 de febreiro ás 11.30 horas no Parque de Rosalía.

 

A Vicepresidencia promove actuacións teatrais e intervencións artísticas pola provincia para reivindicar a actualidade da obra de Rosalía