O VOCEIRO DO BNG PIDE QUE SE FAGAN AS XESTIÓNS NECESARIAS ENTRE AS DÚAS ADMINISTRACIÓNS PARA RESOLVER ESTE ENLACE DE SAN EUFRASIO CON FONTIÑAS

Arroxo pide “avances” para a rotonda de enlace entre Fontiñas e San Eufrasio

“A Xunta propuxo unha solución técnica para encaixar a rotonda no espazo existente que pasaría pola cesión dun tramo de vía ao Concello” explicou o voceiro do BNG

Arroxo pide “avances” para a rotonda de enlace entre Fontiñas e San Eufrasio

Lugo, 19 de decembro de 2018. O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu “avances” para a rotonda do enlace entre Fontiñas e a rúa San Eufrasio. Arroxo lembrou que “o 4 de abril de 2017 dirixiuse un escrito ao Concello, dende a Xunta, propoñendo unha posible solución pero dende o concello non se fixo nada” explicou o voceiro do BNG e aclarou que “dende a Xunta incluso se propuxo a posibilidade de tramitar a cesión dun tramo da LU-530 ao concello de Lugo para que as dimensións da glorieta se poidan adaptar á normativa municipal e non á da rede de estradas da Xunta que resulta moito máis restritiva en canto ás especificacións técnicas”.

“Vemos como pasa o tempo e nin o concello nin a Xunta volveron facer xestións para solucionar este problema de tráfico que se xenera nunhas das vias con máis tráfico da cidade” afirmou Rubén Arroxo. O voceiro do BNG pediu que se fagan as xestións precisas entre Concello e Xunta para solventar a construción da rotonda e “resolver así os problemas de tráfico que se dan nesta intersección”.

Arroxo fixo referencia ao expediente ao que tivo acceso o BNG sobre este asunto e relatou que  o 20 de febreiro de 2017 o Concello de Lugo, a través do Servizo de Enxeñería, dirixiu un escrito solicitando pronunciamento técnico sobre a viabilidade e oportunidade de construción dunha glorieta na confluencia da rúa S. Eufrasio (estrada LU-530) e a ronda de Fontiñas. Con data 4 de abril de 2017, o Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas dirixe contestación escrita ao Concello de Lugo na que se comunicaba o seguinte:

  • A rotonda estaría situada no dominio público do treito urbano da estrada LU-530 que está integrada na Rede Autonómica de Estradas de Galiza.
  • Que transformar esta intersección construíndo unha glorieta sería unha decisión tecnicamente acertada, e para que sexa eficiente e eficaz a contrución da mesma debe deseñarse cos parámetros axeitados.
  • Ao formar parte a estrada LU-530 da Rede Autonómica de Estradas de Galiza o proxecto que se redacte para a construción da glorieta deberá adaptarse ás especificacións contidas no artigo 10.6 da Norma 3.1-I.C de Trazado da instrución de Estradas.
  • Tamén se aporta, como posibilidade, que se este treito urbano da estrada LU-530 fose de titularidade municipal, a competencia para proxectar e construir a glorieta correspondería ao Concello de Lugo que podería conseidear os parámetros técnicos de deseño que considerase oportuna ao tratarse dun viario urbano e non dun treito dunha estrada da Rede Autonómica, e para esto podería tramitarse un cambio de titularidade do treito que corresponde a rúa San Eufrasio ao abeiro do establecido da Lei de Estradas de Galiza.