O GOBERNO DE LUGO E A ASOCIACIÓN CULTURAL XAQUEDRUM LEVAN ADIANTE ESTA PROPOSTA CON DISTINTAS ACTIVIDADES QUE PROMOCIONARÁN O XADREZ NAS RÚAS E NOS CENTROS DE ENSINO
Rubén Arroxo e Maite Ferreiro presentan a nova edición do ciclo Xadrez para Todas
O Goberno de Lugo e a Asociación cultural Xaquedrum levan adiante esta proposta con distintas actividades que promocionarán o xadrez nas rúas e nos centros de ensino
Ferreiro: “Trátase dunha actividade totalmente gratuíta tanto para os centros como para o alumnado, na que se espera a participación de 1200 nenos e nenas”
Lugo, 18 de abril de 2024. O Goberno de Lugo colabora coa asociación cultural Xaquedrum no programa educativo baseado no xadrez baixo o nome “Xadrez para todas”. Realizarase un amplo programa orientado ás e aos escolares e a toda a veciñanza de Lugo, co obxectivo de “espertar a curiosidade e o interese polo xadrez, achegando ás familias sobre as vantaxes que a súa práctica representa sobre a dimensión educativa”, explicou Maite Ferreiro.
Unha das actividades máis importantes deste proxecto é a actividade Xadrez Infantil, unhas xornadas en centros educativos de infantil e primaria e un programa deportivo/educativo que achegarará o xadrez aos escolares lucenses. Este programa levarase a cabo no horario lectivo e estará dirixido aos alumnos de 5º e 6º de infantil e 1º de primaria, con máis de 12 colexios da cidade como participantes.
Maite Ferreiro explicou que as clases se impartirán nas propias aulas e o material necesario correrrá a cargo da Asociación Cultural Xaquedrum, tanto o pedagóxico, elaborado pola propia entidade, como o material deportivo.
“Trátase dunha actividade totalmente gratuíta tanto para os centros como para o alumnado, na que se espera a participación de 1200 nenos e nenas”, insistiu a concelleira. Ademais, Ferreiro destacou “o grande interese que está a achegar o xadrez na poboación”, e engadiu “a práctica do xadrez supón un magnífico instrumento para adquirir unha maior axilidade mental e unha serie de habilidades sociais tales como a capacidade de concentración e de síntese, ademais de mellorar a memoria, o cálculo, a toma de decisións ou a creatividade”.
Actividades Xadrez para Todas
XADREZ XIGANTE E BAÚL VIAXEIRO
Co fin de dar alternativas educativas e deportivas en espazos públicos. Trátase de campañas de promoción do deporte durante o mes de xuño na Praza Maior. Instalarase un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e o baúl viaxeiro. Tamén se realizarán exhibicións.
TORNEOS : XADREZ ESCOLAR.
Realizaranse tres torneos para os escolares e as súas familias, con dúas categorías xerais: a competición para xogadores federados e outra para os xogadores sen ranking internacional.
VIAXE POLA HISTORIA DO XADREZ
Con esta iniciativa fomentarase a promoción do xadrez na época de vacacións dos escolares. Preténdese crear alternativas de lecer para o alumnado e achegar o xadrez ao barrio de Lamas de Prado, dende a Praza do Castiñeiro, na primeira quincena de xullo.
VOLTA Ó COLE
Co fin de dar alternativas de lecer deportivo en espazos públicos levaranse a cabo unha serie de campañas de promoción durante o mes de setembro na praza Maior. Ao mesmo tempo, quérese facilitar a conciliación da vida laboral e persoal dos participantes. Instalarase un xadrez xigante, varios xadreces convencionais e o baúl viaxeiro. Desta forma os que queiran poderán xogar ao xadrez, poderán ler libros e poderán aprender ao xadrez.