A PROPOSTA XURDE DE COLECTIVOS DE PERSOAS QUE PRACTICAN ESTE DEPORTE E QUE O BNG-AA TRASLADARÁ AO PLENO PARA A SÚA APROBACIÓN

O BNG-AA proporá no Pleno facer novas instalacións para a práctica do skate e outros deportes sobre rodas

Rubén Arroxo explicou que “as actuais instalacións poñen en perigo a seguridade das persoas que acoden a patinar”

O BNG-AA proporá no Pleno facer novas instalacións para a práctica do skate e outros deportes sobre rodas

Lugo, 13 de outubro de 2017. O voceiro do BNG – AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que pedirá que o concello acometa a construción dun Skate Park homologado e apto para adestramentos e competicións na cidade de Lugo. Rubén Arroxo reuniuse con representantes do North Skateboarding Club para coñecer as propostas e demandas deste colectivo recentemente constituído para formalizar propostas de promoción deste deporte que cada vez gaña máis practicantes na cidade.

Rubén Arroxo resaltou que “Lugo é a única das 7 cidades galegas que non contan cunhas instalacións deportivas acondicionadas para poder levar a cabo a actividade de skate dunha forma correcta, a día de hoxe as infraestruturas existentes non son aptas para a realización desta disciplina deportiva”. Arroxo enumerou as deficiencias das actuais instalacións que non foron feitas por empresas especializadas, o cal provoca defectos como a falta dun pulido axeitado da superficie, remates sen redondear ou material inadecuado.

O estado da instalación existente no parque da Milagrosa, que poñen en perigo a propia seguridade das persoas que acoden a patinar, debido a importantes ocos no pavimento que poden provocar caídas, pezas soltas ou con parafusos caídos, taboleiros cambiados de sitio sen ningún control. Para o BNG-AA que a construción dun Skate Park en Lugo é totalmente asumible economicamente.

“Co fin de que Lugo conte cunha infraestrutura coas mínimas condicións para unha práctica adecuada. Á hora de executar isto é primordial contar con persoal técnico e empresas especializadas na materia, para evitar os erros construtivos que se deron no da Fonte dos Ranchos ou no de Frigsa e que impiden a realización deste deporte de forma correcta e apropiada” sinalou Rubén Arroxo.

Espazo cuberto para o Skate

O BNG-AA tamén pedirá que o concello ceda algún espazo baleiro, dado que hoxe en día o concello ten diversos edificios abandonados e sen uso, co fin de que poidan instalarse elementos básicos de adestramento de Skate para as épocas máis complicadas do inverno. “Cómpre ter en conta que para exercicios de adestramento no inverno non se precisarían moito máis de 50 ou 60m2, e un acondicionamento moi simple, xa que a simple existencia dunha cuberta xa permitiría a práctica” afirmou Arroxo.