ARROXO LEMBROU QUE “É A PRIMEIRA VEZ QUE SE PRODUCE UNHA FOLGA DE FUNCIONARIOS NESTE CONCELLO”

O BNG levará unha iniciativa ao Pleno do Concello para que se retomen as negociacións sobre a RPT

“Con esta moción de urxencia pretendemos que se estude un documento que provocou descontento entre gran parte do persoal municipal” dixo Rubén Arroxo

O BNG levará unha iniciativa ao Pleno do Concello para que se retomen as negociacións sobre a RPT

Lugo, 21 de decembro de 2018.  O BNG presentou hoxe unha moción de urxencia para que se retomen as negociacións co persoal do concello sobre RPT. Rubén Arroxo sinalou que “o goberno municipal está a levar a cabo un proceso para a aprobación da relación de postos de traballo do Concello de Lugo que provocou unha profunda división entre a plantilla e non contenta á maior parte das traballadoras e traballadores do Concello”. Rubén Arroxo dixo que “o goberno debe repensar o que está facendo coa proposta da RPT por que non é normal a conflitividade que se despertou entre o persoal do concello”.

Para o BNG é preciso facer un novo deseño da proposta de RPT onde ningunha traballadora nin traballador saia perxudicado. Arroxo lembrou que “é a primeira vez que se produce unha folga de funcionarios neste concello”.  Na iniciativa do BNG solicítase ao goberno local que o goberno municipal reinicie o proceso de negociación para a realización dunha Relación de Postos de Traballo (RPT) para o Concello de Lugo, na cal se teñan en conta á totalidade de forzas sindicais existentes na propia institución, ás xefaturas de servizo, e a calquera traballadora ou traballador que así o considere, co fin de crear un documento que teña o maior consenso posible dentro da plantilla.

O proxecto que se está a desenvolver sobre a relación de postos de traballo do Concello de Lugo  está a causar unha destacada conflitividade entre as traballadoras e traballadores da propia institución, chegando incluso ao punto de que se leve adiante a primeira folga dentro do propio Concello. “A consigna enviada por parte do goberno municipal, a respecto de que contan co 80% do apoio da Mesa de Negociación, sendo certa, non é real a respecto do sentir xeral das traballadoras e traballadores, polo que non pode servir como aval para levar adiante dito documento” insistiu o voceiro do BNG.