A VICEVOCEIRA DO BNG NO PARLAMENTO GALEGO DIXO QUE “O PP TERÁ QUE EXPLICAR POR QUE RETIRA OS FONDOS QUE LLE PERMITÍAN Á FUNDACIÓN MENIÑOS DESENVOLVER ESTE PROGRAMA”

O BNG preguntará no Parlamento pola eliminación, en Lugo, do programa de apoio a menores vítimas de violencia de xénero

Trátase dun programa de atención psicolóxica a menores que viven en entornos nos que se exerceu violencia de xénero e que, en Lugo, atende 11 casos na actualidade

O BNG preguntará no Parlamento pola eliminación, en Lugo, do programa de apoio a menores vítimas de violencia de xénero

Lugo, 19 de decembro de 2016. A parlamentaria do BNG por Lugo, Olalla Rodil, trasladará ao Parlamento Galego unha serie de preguntas, dirixidas á Xunta de Galiza, para clarificar cales son as intencións do executivo que preside Núñez Feijoo en relación “aos menores que quedarán desamparados, a pesares de vivir en entornos de violencia de xénero, a partir da retirada dos programas de apoio que recibían por parte da Fundación Meniños nas cidades galegas”.

A vicevoceira do BNG no Parlamento Galego sinalou, tamén, que "sorpresivamente anunciouse, dende o goberno da Xunta, que este programa vaise a por en marcha nalgunhas vilas, mais retírase das cidades". Os programas de atención psicolóxica que presta a Fundación Meniños está orientados, principalmente, a evitar que os menores que viviron situacións de violencia de xénero repitan estes roles e se convertan, no futuro, en maltratodores.

Olalla Rodil explicou que no caso do concello de Lugo estanse a atender a máis de vinte menores que viven ou viviron en entornos nos que se exerceu violencia de xénero e sinalou “en canto remate o proceso de tratamento psicolóxico destes 11 casos, en Lugo quedarán abandonadas as mulleres vítimas de violencia de xénero con menores a cargo ou outros menores que dalgún xeito se viron afectados por casos deste tipo”.

Rodil, que mantivo unha xuntanza coa edil do BNG-AA no concello de Lugo, para coñecer polo miudo as circunstancias nas que se está a dar esta situación, dixo que “estase castigando a mulleres que xa teñen unha situación moi complicada e que, grazas a este programa da Fundación Meniños, recibían unha importante axuda para poder canalizar os aspectos psicolóxicos dos traumas que en menores producen este tipo de situacións”.

Olalla Rodil dixo que “queremos que o PP nos explique por que se retiran este tipo de programas das cidades e en que situación van quedar aqueles menores que, a partir de agora, sufran este tipo de violencia no seu entorno”. A parlamentaria por Lugo lamentou “a hipocresía do partido popular que día trás día acuden a concentracións contra a violencia de xénero e se lles enche a boca, en sede parlamentaria, para defender as mulleres mentres que, na práctica, retiran un programa que resulta fundamental para evitar que moitos menores repitan roles e rematen sendo novos maltratadores”.