RUBÉN ARROXO: “TRÁTASE DE ZONAS DE XOGO PENSADAS PARA AVANZAR CO PASEO E NON PARA DETERSE NELAS”
Comeza o pintado das zonas de xogo na rúa de Tecendo Brincadeiras
Nos vindeiros días habilitaranse 60 puntos de xogo repartidos en 6 zonas distintas da cidade
Lugo, 01 de maio de 2020. Comezou o pintado das zonas de xogo na rúa do proxecto Tecendo Brincadeiras, que realiza a área de Mobilidade e Infraestruturas coa colaboración do gabinete de psicoloxía e terapia familiar de Natalia García. Segundo declarou Rubén Arroxo, “as zonas de xogo están pensadas para avanzar co paseo, e non para deterse nelas”. Ademais, Rubén Arroxo afirmou que “os xogos pintaranse, seguindo o sentido do paseo, nas beirarrúas do lado dereito, recordando a recomendación de camiñar por este lado para asegurar o distanciamento social”.
Baixo o nome de Tecendo Brincadeiras, a área de Mobilidade e Infraestruturas xunto co gabinete de psicoloxía e terapia familiar de Natalia García propoñen achegar espazos interactivos que permitan ás nenas e nenos desfrutar das saídas á rúa creando espazos lúdicos que permitan xogar en igualdade e sacar o máximo rendemento dos paseos no exterior. Tecendo Brincadeiras pretende favorecer que as nenas e nenos atopen espazos lúdicos nos que xogar e desfrutar ao mesmo que se evaden por un tempo dunha difícil realidade.
“Queremos que as nenas e nenos de Lugo poidan desfrutar das saídas á rúa con xogos que poidan fluír cos paseos e eviten as masificacións”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “queremos que sintan o concello como propio, por iso botamos a andar esta iniciativa malia estar pechados os espazos de lecer”. Rubén Arroxo declarou que “estas zonas realizaranse en todos os barrios da cidade para que todas as nenas e nenos teñan a oportunidade de desfrutar de xogos na rúa nesta situación atípica”.