Felipe Rivas e Rubén Arroxo visitan os vieiros escolares do Colexio de Albeiros co mago Antón

Lugo acollerá 10 actividades gratuítas entre o 27 e o 29 de maio

O Mago Antón realizou unha mostra de maxia ás máis de 20 nenas e nenos que partiron esta mañá desde a rúa do Xenebro ata o colexio de Albeiros

Felipe Rivas e Rubén Arroxo visitan os vieiros escolares do Colexio de Albeiros co mago Antón

Lugo, 25 de maio de 2022. Os vieiros escolares acolleron esta mañá unha presentación do Lugo Máxico. O Mago Antón achegouse a un dos puntos de partida dos vieiros, situado na rúa do Xenebro, e realizou distintos trucos de maxia ás máis de 20 nenas e nenos que asistiron á actividade. O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, afirmou que “continuamos a promocionar os Vieiros Escolares ao mesmo tempo que achegamos ás nenas e nenos as distintas actividades culturais do Concello”.

Felipe Rivas destacou o éxito de acollida dos Vieiros Escolares Seguros postos en marcha pola Concellería de Educación, que estan a ter unha asistencia superior ás 40 nenas e nenos cada día, nos dous grupos organizados para o Colexio de Albeiros.

O Lugo Máxico 2022 achegará 10 actividades que terán lugar entre o 27 e o 29 de maio, ademais de distintas actividades nos centros escolares de Lugo. O HULA acollerá sesións de maxia o venres 27, entre as 11:00 e as 13:00, cos magos Marcos Waldemar, Nacho Samena e Fernando Keller.

A primeira gala unipersoal do Lugo Máxico 2022 terá lugar o venres 27 a partir das 20:30 na praza Horta do Seminario. O valenciano Mago Orbit, un dos magos máis novos e con máis proxección do panorama estatal, será o encargado de abrir as actividades do Lugo Máxico.

O sábado 28, a praza Anxo Fernández Gómez acollerá a Feira dos Imposibles, organizada pola compañía Civi Civiac, e que está dirixida a todo tipo de públicos. Nesta feira, dúas personaxes proporán xogos con diferentes caixas e obxectos misteriosos. A Feira contará con 25 elementos distintos entre artiluxios de inxenio, caleidoscopios, cadros de dobre visión, inventos máxicos e ilusións ópticas. A actividade terá lugar pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 horas, e pola tarde de 17:00 a 20:00.

Tamén na praza Anxo Fernández Gómez os magos Marcos Waldemar e Nacho Samena impartirán distintos obradoiros pola mañá, entre as 11:00 e as 14:00 e pola tarde de 16:00 a 19:00.

A xornada de sábado rematará a partir das 19:00 coa gala Galego-Portuguesa. Cayetano Lledó presentará a gala na que actuarán os magos Cali, Camilo Vázquez, Kiko Pastur, David Méndez, Mago Romaris e David Sousa.

O domingo 29 será o día grande do Lugo Máxico 2022. A xornada comezará ás 11:30 no Hotel Méndez Núñez, coa conferencia A maxia de David Sousa, a cargo do mago portugués, e destinada á formación das e dos profesionais da maxia.

Os obradoiros de Marcos Waldemar e Nacho Samena continuarán na praza Anxo Fernández Gómez entre as 11:00 e as 14:00, e pola tarde de 17:00 a 20:00.

A praza Horta do Seminario acollerá unha gala infantil a cargo do mago Enric Magoo a partir das 13:00. Enric Magoo recibiu numerosos premios, tanto a nivel estatal como internacional nos seus máis de 30 anos de carreira artística. Ademais, é o director do festival internacional de maxia de Badalona.

A partir das 18:30 o Vello Cárcere acollerá a conferencia Do xamón ao mago. Como a maxia se converteu nunha arte?, a cargo do investigador Ramón Mayrata, e aberta ao público xeral. Mayrata ten unha recoñecida traxectoria como investigador e historiador do ilusionismo, e fundou, xunto co mago Juan Tamariz, a editorial Frakson, especializada en textos de maxia.

O Lugo Máxico 2022 rematará coa Gran Gala Lugo Máxico, a partir das 20:00 na praza Horta do Seminario. Camilo Vázquez será o conductor da gala que contará coas actuacións de Fernando Keller, Jessica Guloomal, Enric Magoo, Luís Manuel e o Mag Albert.

Todas as actividades do Lugo Máxico 2022 serán gratuítas e de acceso libre ata completar a cabida do recinto.

Felipe Rivas e Rubén Arroxo visitan os vieiros escolares do Colexio de Albeiros co mago Antón