RUBÉN ARROXO: "CONTINUAMOS A COLABORAR CON ESTA ASOCIACIÓN, QUE CONTA TAMÉN CUN MURAL NA RÚA SAN ROQUE"
A Tenencia de Alcaldía colabora coa asociación Galega da Enfermidade de Dent
Un bus urbano dará visibilidade á enfermidade de Dent, unha afección xenética que afecta ao túbulo renal
Rubén Arroxo: "Continuamos a colaborar con esta asociación, que conta tamén cun mural na rúa San Roque"
Lugo, 08 de maio de 2024. O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, e a edil de Participación, Cristina López, xunto con integrantes da Asociación Galega da Enfermidade de Dent presentaron o bus urbano que dará visibilidade á asociación e servirá para concienciar sobre a importancia da investigación nesta enfermidade. Rubén Arroxo agradeceu ás e aos integrantes da Asociación "que decidisen volver colaborar con Lugo", e destacou o mural realizado na rúa San Roque pola Asociación Galega da Enfermidade de Dent, dentro da iniciativa ARt For Dent.
A Asociación Galega da Enfermidade de Dent foi creada por 4 familias galegas, de Lugo, Muros, Brión e Pontevedra afectadas por esta enfermidade. O proxecto Art For Dent naceu a comezos do ano 2020, e pretende abrir unha nova vía de colaboración e financiación desde Galiza para investigar a enfermidade de Dent, ademais de darlle visibilidade a esta enfermidade rara.
A enfermidade de Dent é unha enfermidade rara de orixe xenética. Afecta ao túbulo renal, producindo distintas complicacións que poden chegar a afectar aos osos, podendo chegar a producir raquitismo entre outras enfermidades.