RUBÉN ARROXO: "DAMOS UN PASO NA MELLORA DA EFICIENCIA ENERXÉTICA DE LUGO, GARANTINDO UN ALUMEADO PÚBOLICO ÚTIL E EFICIENTE CUN BAIXO CUSTO PARA O CONCELLO"
Rubén Arroxo anuncia novas renovacións da rede de alumeado público municipal
Estase a traballar na renovación das luminarias da contorna da rúa Conde e na rúa Sanxillao
Rubén Arroxo: "Damos un paso na mellora da eficiencia enerxética de Lugo, garantindo un alumeado púbolico útil e eficiente cun baixo custo para o Concello"
Lugo, 12 de maio de 2024. O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou dúas novas actuacións que se están a executar dentro do plan de renovación da rede de alumeado público municipal. Arroxo explicou que "seguimos traballando en distintas zonas da cidade para garantir un alumeado público eficiente enerxeticamente e que garanta que non haxa zonas escuras nas rúas". Nestes días, estase a traballar na contorna da rúa Conde, incluíndo tamén as rúas Alexandre Bóveda, río Sil e Illas Cíes, ademais da totalidade da rúa Sanxillao
Trátase de en total 83 puntos de luz onde se eliminarán luminarias antigas de Vapor de Sodio, instalando luz Led, o que permitirá un importante aforro enerxético de máis de 53.000 kWh ao ano. O alumeado permitirá unha maior harmonización da contorna, ao ser unha luz uniforme en toda a trama e ao unificarse a temperatura de cor. Con esta actuación mellorarase tamén a uniformidade lumínica, eliminando zonas escuras, e renovaranse elementos da instalación como caixas de conexión e conductores.
Arroxo explicou que dende a chegada ao Goberno de Lugo "traballamos continuamente na reducción do gasto público ao tempo que a veciñanza de Lugo pode desfrutar dun alumeado eficiente". Os criterios utilizados á hora de realizar estas actuacións son a recuperación das luminarias existentes adaptándoas ás novas tecnoloxías, reducir os residuos xerados e os custos de implantación e a renovación do resto de elementos que conforman a rede de alumeado, o que diminúe as avarías e as molestias á veciñanza.
--