ARROXO: "QUEREMOS PROMOVER O USO DO GALEGO ENTRE A MOCIDADE, ASÍ COMO A CREACIÓN LITERARIA E ARTÍSTICA A TRAVÉS DA LINGUA"

Comeza a edición 2024 do EnRedando co Galego, iniciativa organizada pola Área de Cultura e a AELG

Arroxo: "Queremos promover o uso do galego entre a mocidade, así como a creación literaria e artística a través da lingua"

O Enredando co galego, organizado pola área de Cultura e a AELG, propón unha serie de experiencias á mocidade para empregar a lingua galega durante 21 días

Comeza a edición 2024 do EnRedando co Galego, iniciativa organizada pola Área de Cultura e a AELG

 


 
Lugo, 06 de maio de 2024.
 O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo achegouse esta mañá ao IES Lucus Augusti para participar na presentación da edición 2024 da iniciativa EnRedando co Galego, organizada pola área de Cultura en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega en varios institutos de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que "con esta iniciativa buscamos repetir o éxito dos anos pasados, e promover o uso do galego entre a mocidade, facilitando que as rapazas e rapaces participantes utilicen o galego para crear contido literario e artístico". Nesta edición, a iniciativa EnRedando co galego chega xa a 5 institutos de Lugo.

Rubén Arroxo explicou que "desde o Concello de Lugo buscamos colaborar en reverter a situación do galego no ensino e garantir o coñecemento da nosa lingua entre a mocidade". Para o Tenente Alcalde, "esta actividade é un punto de encontro para que o estudantado de Lugo poida intercambiar opinións, establecer novos lazos e coñecer a persoas coas súas mesmas inquedanzas, ao mesmo tempo que acadan unha mellor competencia en galego e fan chegar a nosa lingua a lugares nos que moitas rapazas e rapaces non contaron con ela". A actividade busca achegar ás participantes a conceptos sociolingüísticos de imprescindible coñecemento para comprender de xeito correcto a realidade actual da Galiza e o papel que xoga a lingua na mesma.

Durante os vindeiros 21 días, o estudantado dos centros poderá participar en dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que deberán crear obras literarias en galego en formato escrito e dixital, e deberán enviala á Escola de Escritoras e Escritores da AELG. As rapazas e rapaces que participen no proxecto recibirán un premio, ademais, na gala final realizaranse sorteos de material tecnolóxico e lotes de libros en lingua galega. De entre todas as persoas participantes, escolleranse os mellores traballos e publicacións, tanto da modalidade en redes sociais como da experiencia de creación literaria e artística, que tamén serán premiados.

As presentacións do proxecto nos distintos centros contan cos poetas Samuel Merino e Silvia Penas, e de cara ao final da iniciativa, a área de Cultura e a AELG organizarán unha actividade na que as e os participantes poderán realizar un intercambio de experiencias e desfrutar de varias actuacións en directo.

Na xornada de hoxe presentouse a iniciativa nos institutos Sanxillao, Nosa Señora dos Ollos Grandes e Lucus Augusti, e ao longo da semana realizaranse as presentacións nos distintos centros participantes.

Comeza a edición 2024 do EnRedando co Galego, iniciativa organizada pola Área de Cultura e a AELG