Coa saúde non se xoga!

Coa saúde non se xoga!

Mario“Hai persoas que están vendo minguada a súa calidade e esperanza de vida porque as autoridades sanitarias non son quen, ou non queren, facilitarlle o acceso a un tratamento”. Esta afirmación, que nos pode levar a pensar que estamos falando dun país subdesenvolvido ou en situación de guerra, pode estala padecendo o noso veciño, o que vive porta con porta con nós; vostede mesmo, o que le estas liñas; ou algún familiar seu. Acontece en Galiza e no resto do Estado español por culpa duns gobernos, o central e o autonómico, que non están sabendo, se cadra máis que ignorancia é predisposición, xestionar unha situación na que está en grave risco a vida de moitos cidadáns, en total unhas 700.000 persoas en todo o Estado, que son portadoras do Virus da Hepatite C (VHC).

Logo das altas taxas de fracaso que arroxaron nos últimos anos os medios de tratamento dispoñibles, a aprobación por parte da Axencia Europea do Medicamento a comezos do pasado ano do Sofosbuvir, un antiviral de acción directa sobre o VHC, abriulle as portas da esperanza a estes enfermos, moitos dos cales tiñan como única alternativa a vixilancia da súa evolución á espera de chegar a un estado que determinase a idoneidade dun transplante hepático.

Pese a que a daquela ministra de Sanidade, Ana Mato, anunciara publicamente o pasado 24 de setembro que o Ministerio acadara un acordo co fabricante do fármaco para incluílo na sanidade pública e que os facultativos o puidesen prescribir a aqueles enfermos que o precisaren, asegurando que a proposta sería trasladada de xeito inmediato á Comisión Interministerial de Prezos dos Medicamentos e que os médicos poderían receitalo xa en todo o territorio do Estado español en outubro, o certo é que non foi así.

Aínda que se elaborou un protocolo de posicionamento terapéutico e un documento de priorización que, no caso galego, está sendo aplicado por unha subcomisión para o tratamento da enfermidade hepática, dependente da Consellería de Sanidade, o certo é que se suceden declaracións públicas de hepatólogos, a través da Asociación Española para o Estudo do Fígado, reclamando que os criterios para a dispensación do tratamento no sistema público sexan máis inclusivos e cifrando a necesidade de tratamentos urxentes para aplicar no conxunto do Estado nun mínimo de 30.000 doentes para o ano en curso. Mentres isto sucede, persoas postransplantadas non negativizadas e das que se atopan en fase cirrótica ven como a o seu caso non se inclúe dentro dos criterios de elixibilidade ou, directamente, rexeitan ou non contestan a solicitude feita polos seus hepatólogos.

Coa saúde non se xoga e digo eu que os hepatólogos algo saberán sobre este tema. Non se trata dunha reivindicación dun calquera, senón  duns profesionais aos que os políticos estamos obrigados a escoitar atentamente. E en Lugo sabemos ben do que falamos, cos incumprimentos reiterados da Consellería de Sanidade co HULA.

Pero, como en moitos outros temas, os gobernos do PP en Madrid e Santiago fan oídos xordos a estas recomendacións e seguen ao seu. Logo Rajoy sorpréndese no hemiciclo e asegura que os membros da oposición lle “pintan” un país que non coñece. É normal que non se dean conta do sufrimento da xente, da situación pola que están atravesando moitos enfermos por culpa dos recortes na sanidade pública, porque viven illados na súa burbulla, de costas completamente á poboación. Basta botarlle un ollo aos datos que falan de que, en todo o Estado, xa é unha 27% a poboación que se atopa en risco de pobreza ou de exclusión social. Case un de cada tres. É gravísimo, estamos falando dunha cuestión vital como a saúde e o benestar das persoas. Cómpre darlle un xiro de 180º a esta situación.

 

Artigo de opinión sobre a situación dos enfermos de Hepatite C

Mario Outeiro

Portavoz do BNG no Concello do Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

Coa saúde non se xoga!