O Partido Popular faille oposición a Mariano Rajoy

O Partido Popular faille oposición a Mariano Rajoy

MarioA Mariano Rajoy médranlle os ananos. Se a situación económica e a precariedade laboral non foran unha lousa demasiada pesada –por moitos cartos que invistan en propaganda, a realidade é teimuda e as cousas non melloran aínda que o repitan mil veces- agora atópase con que ata no seu propio partido lle fan oposición.

Este pasado martes, no pleno da Deputación, asistimos a un episodio sen precedentes nos últimos meses. O grupo provincial do Partido Popular presentaba unha moción sobre a reforma dos rexistros civís, que o PP quere privatizar, aínda que deran marcha atrás a última hora. Na mesma, instaba ao Goberno Central, da súa mesma cor política, a manter a gratuidade de todos os trámites que se viñan realizando nos rexistros civís, así como que garantan o mantemento de todos os postos de traballo e que as xestións do Rexistro Civil se poidan seguir mantendo en todos os concellos da provincia de Lugo. Os paxaros tirándose ás escopetas.

E non lles sería máis doado falar cos seus compañeiros, ou mellor dito, superiores, de Madrid –todos sabemos que Galiza non pinta nada para eles-, cos que imaxino teñen fío directo? Ou senón, mellor era incluso que os deputados do PP elixidos pola provincia de Lugo se cuestionaran a presentación dunha moción de censura.

Parece que o feito de que esteamos ás portas das eleccións provoca que algúns saquen a calculadora a relucir. A privatización do Rexistro Civil pode facer perder votos que fagan quedar sen alcaldías e hai que tirar destas manobras de maquillaxe política para intentar frealo.

En fin, moito nos tememos que o de que pasou o día, pasou a romaría se vai poder aplicar nesta cuestión e o día despois das eleccións volverá estar esta proposta enriba da mesa do ministro Catalá. Non sabemos se agardará a que pasen as eleccións Xerais, pero non temos ningunha dúbida de que abordará esa privatización. É a política que está levando o Partido Popular nos últimos anos, en temas incluso tan sensibles como a Sanidade ou a Educación. Nós, desde o BNG, seguiremos vixiantes e loitaremos porque non consigan levar a cabo esta reforma, como xa fixemos desde o primeiro momento, antes, por certo, de que Elena Candia e o resto do grupo popular semellase que ocupaban a nosa mesma trincheira, aínda que só fora por unha simple cuestión de cálculo electoral.

Exemplos desta loita por manter un servizos públicos e de calidade témolos de sobra en Lugo. Só hai que ver a nosa oposición frontal ao desmantelamento dos centros de saúde de atención primaria dos pequenos concellos rurais da nosa provincia. Riotorto ou a Pobra do Brollón son dous bos exemplos. No primeiro xa conseguimos que minimizarán o impacto de non cubrir todas as vacantes e no seguro estamos convencidos de que as nosas reivindicacións, a do grupo de goberno pobrense e a dos propios veciños e veciñas non caerán moito máis tempo en saco roto.

 

Artigo de opinión sobre o Rexistro Civil

Mario Outeiro

Portavoz do BNG no Concello do Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

O Partido Popular faille oposición a Mariano Rajoy