Lugo reconcíliase co baloncesto
O Breogán ven de pechar unha fantástica tempada desde o punto de vista social, económico e deportivo. Independentemente de ter caído ante o Ourense no último partido do play off para o ascenso á ACB, o xogo do equipo e a súa entrega penso que foi inmellorable. Tamén no plano social, reconciliándose cos afeccionados ao baloncesto de Lugo e de toda a provincia, que encheron o Pazo dos Deportes como non acontecía desde hai décadas e volveron sentir o Breogán como o equipo dos afeccionados ao baloncesto de toda a provincia de Lugo.
E no plano económico o club queda saneado e afronta con garantías a vindeira tempada, na que o Breogán deixará de ser propiedade da Deputación e pertencerá a todos afeccionados ao baloncesto e á sociedade lucense. Ese era o noso compromiso cando a finais de 2013 puxemos en marcha o proceso para saír do accionariado do club.
O Lugo e o Breogán son dous dos buques insignia do deporte na provincia de Lugo e son o espello no que se miran moitos dos nenos e nenas que hoxe xogan ao fútbol e ao baloncesto na provincia de Lugo. Pero os dous son Sociedades Anónimas Deportivas e, polo tanto, non deben estar dirixidas polas administracións públicas. Outra cousa é que poidan recibir axudas públicas, como o resto de clubs da provincia, na medida en que traballen coa canteira, fomenten valores sociais e promocionen o nome de Lugo.
As prioridades para as administracións públicas deben ser outras. Nós estamos convencidos de que o futuro e a sustentabilidade do deporte e dos equipos lucenses pasa por apostar pola canteira. Cremos no deporte desde a base e nesta liña centramos o noso apoio, tratando de poñer os cimentos desde abaixo. E os éxitos que están a lograr os e as deportistas lucenses nas categorías inferiores nun montón de disciplinas deportivas así o avalan. Non hai día que non apareza na prensa algún logro dos nosos deportistas, ben sexa a nivel galego, estatal como internacional, e eses triunfos son froito dun traballo continuo e diario dende idades temperás.
Cando comezou esta crise económica nós tomamos unha decisión: non reducir o orzamento para deporte, porque o deporte, ademais de ocio, é saúde e benestar da xente. Outras administracións, como a Xunta de Galiza, tomaron a decisión contraria, recortando e eliminando todas as axudas e desentendéndose do deporte lucense. Por iso digo que se o deporte lucense goza hoxe en día de tan boa saúde é en parte grazas ao traballo, apoio e compromiso da Vicepresidencia da Deputación.
Non son eu quen debe facer balance do traballo feito, senón o mundo do deporte e os deportistas lucenses, pero humildemente penso que se notou a chegada do BNG no ano 2007 ao Goberno da Deputación e á área de Deportes. Fixemos importantes infraestruturas, mesmo punteiras a nivel galego, como o novo pavillón de Ribadeo ou o módulo cuberto de atletismo de Lugo, multiplicamos as axudas aos clubs, asociacións e deportistas lucenses -cando chegamos dábanse 100 axudas ao ano e hoxe pasamos das 500, de maneira que non hai club ou asociación deportiva da provincia de Lugo que non conte con apoio da Vicepresidencia da Deputación-, apostamos decididamente pola canteira e o deporte base, fomentamos e demos visibilidade ao deporte feminino e democratizamos a práctica deportiva apoiando disciplinas consideradas minoritarias e achegando a actividade física por exemplo ás persoas maiores co programa Mo-vémonos.
Non debemos inculcar o deporte como unha mera competición, senón como unha forma de vida coa que se fomenten hábitos saudábeis e relacións sociais como o compañeirismo. Que a poboación en xeral e moi especialmente as nenas e os nenos gocen co deporte e se formen como persoas a través del. Iso é o verdadeiramente importante do deporte, todo o resto, ascensos e resultados deportivos incluídos, é secundario.
Artigo de opinión sobre o Breogán
Mario Outeiro
Portavoz do BNG no Concello do Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo