As relacións laborais no século XXI

As relacións laborais no século XXI

MarioEsta tarde celébrase en Lugo o acto de graduación dunha nova promoción de estudantes do Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos do Campus lucense. Este feito significa un trunfo de todas e todos os que defendemos o ensino público como mellor elemento de reequilibrio social e o acceso á Universidade en condicións de igualdade para toda a cidadanía fronte aos intentos privatizadores que buscan a volta a unha Universidade mercantilizada e só para as elites.

Porque a finais do curso 2011-2012, a Escola de Relacións Laborais de Lugo estivo a piques de desaparecer. Coñecedores de que a Escola estaba en apuros, que a Fundación Campus estaba pasando por un importante desequilibrio de ingresos e gastos, froito dunha merma nas aportacións e dun descenso no número de matrículas, decidimos desde a Vicepresidencia da Deputación poñernos á fronte deste proxecto e tentar salvalo.

E lográmolo. Nos últimos anos conseguimos cambiar a situación. Abrimos a Escola á sociedade e sacámola á rúa, mesmo fisicamente, cun stand de promoción do plan de estudos que oferta este centro, e conseguimos recuperar alumnos, situándonos hoxe nun nivel de matrículas que está na media do campus lucense.

Pero había que resolver tamén o aspecto económico e de financiamento. Hai agora un ano asinamos convenios de colaboración con diversas empresas e organismos que operan na provincia a través dos cales estas entidades fixeron aportacións económicas ou de servizos durante este ano á Fundación Campus, e que permitiron a continuidade da Escola de Relacións Laborais de Lugo. Afortunadamente, nas vindeiras semanas volveremos a asinar novos convenios, ampliando a listaxe do ano anterior.

Estamos a vivir un momento de profunda crise económica e social, dominados por políticas neoliberais que priman ao capital fronte á educación, á sanidade, ao benestar social… A situación laboral nunca estivo tan degradada e o paro xuvenil está no seu nivel máis alto. Desde o ano 2010 máis de 100.000 mozos e mozas galegas víronse obrigados a emigrar por non atopar traballo aquí, na súa terra. É unha situación dramática, tanto para garantir o recambio xeracional, como porque son a xente máis activa e máis formada, un verdadeiro drama para un pobo coma o noso, cun alto grado de avellentamento e que fica agora desposuído da súa maior riqueza, a súa mocidade, obrigada a escoller entre emigración ou precariedade como as únicas saídas laborais.

Estamos en épocas onde todo parece susceptíbel de ser recortado, incluso os dereitos laborais logrados coa loita de moitas xeracións de traballadores e traballadoras. As sucesivas reformas laborais aprobadas nos últimos anos, ou mellor dito, impostas por poderes financeiros foráneos como o FMI valéndose da crise económica e apoiándose en Gobernos títeres como mellores aliados, van no camiño de precarizar o traballo, eliminar as coberturas sociais e laborais e acabar co propio estado do benestar da poboación. O capitalismo busca man de obra dócil e barata, mesmo en países desenvolvidos coma o noso, porque ter que traballar 10 ou 12 horas ao día por 700 ou 800 euros ao mes é unha nova forma de escravitude, a escravitude do século XXI.

É unha realidade coa que non nos debemos resignar e que hai que combater. E os novos graduados en Relacións Laborais teñen, desde a súa formación, a enorme responsabilidade de marcar unhas novas relacións laborais, máis xustas, para as vindeiras xeracións. Por iso é importante contar cunha Escola Universitaria de Relacións Laborais en Lugo. Un dos pais da xestión empresarial moderna, Peter Drucker, afirmaba con moito tino que “a mellor maneira de predicir o futuro é crealo”. Así que mans á obra.

 

 

    Artigo de opinión sobre a Escola de Relacións Laborais de Lugo

Mario Outeiro

Portavoz do BNG no Concello do Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

As relacións laborais no século XXI