A cultura é investimento
Nun tempo no que todo aquilo que cheira a cultura está sendo vilmente vilipendiado dende o goberno central e o da Xunta de Galiza, na Deputación de Lugo continuamos coa nosa aposta decidida porque todas aquelas persoas que están loitando por vivir dentro das industrias culturais e por ofrecerlle aos cidadáns iniciativas para que poidan gozar do seu tempo libre teñan unha oportunidade de cumprir os seus soños.
Aínda que a Deputación viu diminuídos durante os últimos anos os seus orzamentos por culpa da crise, unha situación á que non escapou a Área de Cultura, o investimento nas subvencións destinadas a colectivos culturais e concellos mantívose inalterable en todos os exercicios do presente mandato. O 2015 non vai ser unha excepción e a liña de axudas volverá contar cunha contía global de 540.000 euros. Cada ano son máis de 600 asociacións e administracións locais as que reciben unha axuda do organismo provincial, ascendendo deste xeito a 2.210.000 euros o investimento en subvencións da área de Cultura durante estes catro anos.
Mentres outros apostan por darlle máis 300.000 euros a Enrique Iglesias por gravar unhas secuencias dun vídeo clip en distintos puntos de Galiza, paraxes que seguro impresionarán alén das nosas fronteiras pero que dubido que sexan situadas no mapa, nós preferimos centrar os nosos esforzos en colaborar cos e coas lucenses, ofrecendo tamén a posibilidade de asistir a concertos, actuacións teatrais ou de editar libros de artistas e escritores do país. Cremos no potencial cultural desta terra e das persoas que a habitan, e así o facemos constar nestas liñas de axudas que contan cuns baremos públicos e totalmente obxectivos.
Sempre se di que as comparacións son odiosas, pero neste caso é case imposible confrontar as axudas á cultura da Deputación de Lugo coas da Xunta. Materia case imposible porque, directamente, a administración que dirixe o señor Feijoo pasa por completo desta materia. A Consellería de Cultura non convoca subvencións destinadas a sufragar actividades das asociacións culturais dende o ano 2011, co lamentable exercicio de ilusionismo que fixo o departamento dirixido por Jesús Vázquez no 2012, cando se sacaron da manga unha raquítica liña que contemplaba axudas para os anos 2012 e 2013, pero que foi eliminada antes de resolverse.
A situación é moi similar no eido do deporte. Na Deputación de Lugo seguimos loitando por manter as axudas inalterables desde hai anos, cun investimento global de 630.000 euros para a promoción do deporte en Lugo. Pese a todos os contratempos en termos de reducións orzamentarias, o deporte de base tamén recibirá no ano 2015 esta mesma cantidade de diñeiro. Isto dista bastante do proceder da Dirección Xeral para o Deporte da Xunta, que mesmo se chegou a saltar algunha convocatoria de axudas nos últimos anos.
Deste xeito, a Deputación de Lugo tense situado como un dos organismos provinciais de todo o Estado que máis diñeiro inviste nestes dous ámbitos por habitante, só superada polos cabildos insulares, que contan cun réxime fiscal diferente. Nunca tanto aportara unha institución pública á cultura e ao deporte desta provincia como nestes últimos anos. Son máis de 1.200 as axudas concedidas cada ano por estas dúas áreas, o que supón que no total deste mandato se destinarán máis de 5 millóns de euros. A Deputación é o verdadeiro sostén de todo este tecido asociativo, que consideramos fundamental nunha provincia como a nosa, cunhas características demográficas moi especiais.
Artigo de opinión sobre as liñas de subvencións da Deputación en Cultura e Deporte
Mario Outeiro
Portavoz do BNG no Concello do Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo