O PROCESO DE TRANSFORMACIÓN EN SAD DO CD LUGO

O PROCESO DE TRANSFORMACIÓN EN SAD DO CD LUGO

Rubén ArroxoO proceso de transformación en SAD do CD Lugo non pasou desapercibido para ninguén pola grande carga de polémica suscitada pola inxección de cartos públicos neste proceso. Compre lembrar, ademais, esa lexislación destrutiva para o deporte que obriga a clubes sen débedas a convertirse en empresas privadas.

Desafortunado foi o pacto entre PP e PSOE para destinar 600.000€ do concello de Lugo e 900.000€ da deputación provincial nun momento que definimos como emerxencia social. E desafortunadas foron algunhas das xustificacións, cando unha vez pasado máis dun ano se debía de ter valorado se foi positiva ou negativa esa decisión, e nas cales quixera destacar unha. O pasado 1 de decembro no pleno municipal de Lugo, o portavoz do PP, Jaime Castiñeira, mencionou que grazas a esa "inversión" había 130 nenos (ningunha nena) que practicaban deporte. Estas declaracións autodefíneno unha vez máis coma un dinosaurio político que leva demasiados anos nos despachos e descoñece o que é a vida real, declaracións totalmente insultantes para as persoas que estamos e/ou estivemos durante anos traballando no deporte de base. Polo que aproveito para convidalo a visitar un patio de colexio en horario de actividades deportivas extraescolares, e vería como con eses 600.000€ si se podería promocionar de forma real o deporte de base. Por certo, malia as manipulacións dialécticas do portavoz do PP, lembrar que eses 600.000€ non ían para as categorías inferiores. Con isto resulta evidente que eses cartos en ningún momento se pensaron en dedicarse ao deporte de base, simplemente foi un argumento trapalleiro deste señor para tratar de xustificar o inxustificable.

Agora vemos que sae a venda de accións como forma de intentar arranxar este desastre. Novamente volven as chapuzas ou se manifesta unha operación perfectamente planificada para entregar, a través do uso de cartos públicos, unha entidade privada a un único comprador. No BOP do 9 de decembro publícase a fórmula para adquirir as accións do CD Lugo  que neste momento son propiedade do Concello e da Deputación de Lugo. Ábrese un concurso onde existen tres posibilidades de compra, comprando os 1,5millóns € que suman os dous lotes, comprando os 900.000€ da deputación ou os 600.000€ do concello. Este sistema implica que haxa un único grande comprador e imposibilitando a compra de accións por parte de persoas afeccionadas a este deporte mais que non dispoñen desas cantidades de cartos. A pesar de que no seu día se fixo propaganda dicindo que as entidades públicas promoverían que o clube fose propiedade das socias e socios, agora dase a circunstancia de que un único accionista poida mercar nun lote o 49,47% das accións do clube. Esto suporá, na práctica, que unha única persoa terá o control dun clube onde as socias e socios xa non contarán practicamente para nada.

 

Rubén Arroxo

Candidato do BNG-Asambleas Abertas á alcaldía no concello de Lugo

O PROCESO DE TRANSFORMACIÓN EN SAD DO CD LUGO