As contas de Rajoy para Lugo
Un ano máis o Goberno do Estado presenta un orzamento de recortes para a provincia de Lugo. As partidas destinadas á nosa provincia son claramente insuficientes, xa que non inclúen ningún proxecto novo nin permitirán impulsar infraestruturas retrasadas dende hai anos como a autovía Lugo-Ourense, o corredor da costa na Mariña ou a vía entre Monforte e Chantada. Por non incluír, as contas de Rajoy non inclúen nin sequera unha partida para mellorar a seguridade no tramo da A-8 de Mondoñedo, unha necesidade evidente logo do accidente producido este verán nesta autovía intermitente e a media xornada recén inaugurada e que só vale para os días de bo tempo (onte mesmo estivo novamente pechada ao tráfico pola néboa).
As contas de Rajoy son novamente as contas dos recortes. En total, o Goberno do PP tén previsto investir o vindeiro ano na provincia de Lugo 38 millóns de euros menos que en 2014, o que supón unha caída do investimento total do 25% con respecto a este ano.
Do total orzamentado para Galiza, 1.319 millóns de euros, a provincia de Lugo leva menos do 10%. Prodúcese unha vez máis un desprazamento dos investimentos do Estado cara o Eixo Atlántico galego. Só o previsto para a AP-9 (ampliación de Rande e circunvalación de Santiago, 70 e 42 millóns de euros respectivamente), suma tanto como todo o que vai investir o Estado na provincia de Lugo o ano que vén.
Do orzamentado para a provincia de Lugo, a A-54 Lugo-Santiago acapara 2/3 do orzamento. A pesares disto, os tramos de Melide e Arzúa atópanse moi atrasados polo que a conexión con Santiago por autovía non será unha realidade até o 2020, con 10 anos de retraso con respecto á data de finalización fixada. A autovía a Santiago é, pois, un proxecto de vello que vai para longo.
Repítense, ano tras ano, partidas que logo non se executan, como por exemplo para a autovía A-82 Barreiros-San Cibrao na Mariña, a A-76 Ponferrada-Monforte, a A-72 Monforte-Chantada ou a A-56 Lugo-Ourense. Levamos en moitos destes casos cos mesmos 10.000 euros para estudos unha década.
En relación ao ferrocarril, non está prevista a chegada da Alta Velocidade Ferroviaira á provincia de Lugo a medio prazo e non se programa orzamento ningún nin para a liña Lugo-Ourense, nin para a liña A Coruña-Lugo, nin para a liña Monforte-Ponferrada. Tampouco aparece nos Orzamentos de 2015 a estación intermodal de Lugo mentras si comezarán vindeiro ano as obras das novas estacións de Ourense e Santiago.
A maiores disto, prodúcense tamén recortes en materia de seguridade. No que vai de ano morreron xa dúas persoas atropeladas polo tren na provincia de Lugo, unha en Monforte e outra na Pobra de San Xiao, sen embargo para o Goberno do Estado non hai ningún paso a nivel que suprimir na provincia de Lugo.
Ademais seguen a ser uns Orzamentos anti sociais. Estes Orzamentos só adican un 0,4% a servizos sociais e un 2,28% a educación e sanidade e a conxelación das pensións terá grande afectación na nosa provincia, onde 1 de cada 5 cidadáns tén máis de 65 anos.
E todo isto, co beneplácito dos deputados e senadores do PP pola provincia de Lugo. Alí, en Madrid, está o señor Barreiro. Polas súas mans pasarán estes Orzamentos no Senado. O PP ten maioría, así que está nas súas mans cambialos para mellorar o tratamento que se dá á provincia de Lugo. Se non o fai, estará traizoando a todos os lucenses e a todas as lucenses que o votaron.
Artigo de opinión sobre os Orzamentos Xerais do Estado para 2015
Mario Outeiro
Portavoz do BNG no Concello do Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo