Construíndo Futuro
Nunca nas últimas décadas se amosou tan claramente que o actual réxime está esgotado política, social e instutucionalmente. O soporte do réxime, que forman PP e PSOE, amósanse cada día máis incapaces de xestionar e soster un modelo que eles mesmos crearon. Coa reforma electoral, o PP pretende dar un golpe de estado antidemocrático para acadar o poder absoluto nos concellos nas vindeiras eleccións municipais sen contar co apoio da maioría social.
Diante desta situación, a cidadanía ten que organizarse, porque é a única maneira de derrotar ao exército do PP. O Bloque ofrece a esa cidadanía rebelde a súa estrutura e o seu historial de loita. O espontaneísmo aleatorio non é a mellor maneira de plantarlle cara a unha dereita organizada e ás súas políticas de agresión á maioría social. É necesario confeccionar un proxecto claro e de futuro, que non sexa unha mera contestación de cabreo momentáneo.
Pero non queremos unha organización pechada e encorsetada, é necesario unha estrutura aberta, flexible, plural, participativa, que recolla todas as inquedanzas. E o asemblearismo é o sinal de identidade do BNG dende o ano 1982, para nós non é unha novidade, forma parte do noso ADN como organización política.
O BNG sempre foi a casa dos diferentes movementos sociais, veciñais, culturais, ecoloxistas e do tecido asociativo de base deste país. As Asembleas Abertas que está a impulsar o BNG en todos os concellos do país son unha aposta integradora para toda a sociedade galega, un espazo de diálogo e participación aberta para escoitar a toda a cidadanía rebelde que vén pedindo unha participación directa na vida política.
No BNG somos favorables á creación de cara ás municipais do vindeiro mes de maio de candidaturas de ampla base social, que vaian máis alá da nosa propia formación política e que resulten aglutinadoras. Estamos dispostos a dar forma a unha proposta municipal transformadora e de base popular.
Mais non somos novatos, temos experiencia de traballo e de goberno en moitos concellos moi exitosas, como Allariz ou Pontevedra, como Ribadeo, Monforte, Pobra do Brollón, Mondoñedo ou Riotorto. Ou, humildemente, como demostramos tamén na Deputación de Lugo. E penso que esa experiencia hai que aproveitala.
Precisamos políticas coherentes confrontadas ás políticas neoliberais e centralistas que hoxe agravan a situación social que vivimos, mais precisamos tamén romper a dependencia e gañar capacidade de decisión real para decidirmos sobre todo aquilo que nos afecta en función dos nosos intereses como galegos e galegas. O pobo galego precisa poder decidir sobre os seus recursos e poñelos ao servizo do desenvolvemento económico e social da nosa sociedade. Non pode haber políticas verdadeiramente transformadoras, populares ou de esquerda na Galiza se obvian ou negan esta cuestión.
A nosa mocidade marcha ao estranxeiro en cantidades que non se lembran nos últimos 30 anos ante a falta de expectativas de futuro no noso país. Non temos instrumentos que nos permitan decidir sobre nós, o que impide que poidamos reverter esta situación.
Non son tempos de localismo, senón de alternativas globais para un pobo que se resigna a ser anulado. En Galiza temos un xeito diferente de habitar o territorio, unhas necesidades específicas de financiamento municipal, unha lingua e cultura nosas, uns servizos públicos que precisan de adaptación á nosa realidade social. Non valen, daquela, opcións miméticas, válidas para outras latitudes, mais inservibles para nós e os nosos concellos, precisamos dunha expresión política propia, adaptada á nosa realidade.
Para pór os concellos ao servizo da maioría social e tamén para que os cidadáns e cidadás posúan maior capacidade de participación e decisión, unhas institucións municipais máis abertas e democráticas onde non haxa lugar para as prácticas clientelares e corruptas hoxe existentes e que son inherentes ás políticas antisociais que practica o PP; para construírmos colectivamente unha Galiza libre, digna, democrática, xusta e igualitaria.
Máis que nunca, é tempo de sumarmos esforzos, de comprometérmonos persoal e colectivamente. Se compartes estas reflexións, tés unha cita hoxe ás 20:00 horas no Centro Social Maruja Mallo.
Artigo de opinión sobre as asembleas abertas do BNG
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo