Ás portas dun pucheirazo, en pleno s. XXI

Ás portas dun pucheirazo, en pleno s. XXI

MarioTeño que admitir a miña falta de orixinalidade á hora de escribir este artigo. Os dous títulos que rondaban a miña cabeza esta semana eran o presente e o “Benvida Mrs. Marshall”, vaia! coma o 90% dos articulistas dos xornais galegos. Mais tampouco me resigno a deixar de verquer a miña opinión sobre o maior pucheirazo planificado nunha vida que se inicia ao mesmo tempo que o desta Constitución “democrática”. Preto están no meu maxín as vellas historias de “eleccións” pretéritas nas que os afíns ao poder votaban aleccionados a primeira hora, co fin de pechar as urnas antes de tempo, como unha trécola máis neste país con fondo substrato caciquil. Eran cambios unilaterais das regras de xogo feitos para beneficiar aos poderosos nunha falsa consulta ao pobo, como que pretende agora o PP con este borrador de reforma de lei.

Estamos a falar dunha reforma, de inicio, apoiada por un único partido, o que goberna, e polo tanto o que aspira a perpetuarse no poder nun momento no que se ve ameazado pola perda evidente de respaldo eleitoral (está por ver se CIU, na mesma situación que o PP pero noutro ámbito xeográfico, tamén a apoia por interese propio). O que está claro é que fóra dos intereses dos partidos maioritarios non é unha prioridade detectada polos cidadáns en ningunha das enquisas do CIS de entre medio cento de problemas que preocupan á cidadanía.

Mais dende logo, é tamén unha reforma alicerzada nun mar de dúbidas. Trátase dun cambio para levarse a cabo só no ámbito local? Que difenza hai entre este ámbito e o autonómico ou o estatal? Por que non estendelo tamén á monarquía se tan democráticos nos volvemos? Non choca cos criterios de austeridade ter que ir a unha segunda volta en miles de concellos a nivel do estado Español? Ou unha moi básica, é constitucional? Hai moitos catedrátidos de dereito constitucional consultados que indican que non, xa que dar a maioría absoluta a alguén que sacou unha porcentaxe pequena de votos rompe a lóxica constitucional e só pensa en inhibir a representación dunha parte do electorado. Mais xa sabemos que a Constitución ao PP, interésalle só cando o beneficia.

O que está claro é que mellora claramente ao PP, ao concentrar a maioría dos votos do centro-dereita e extrema-dereita, fronte o fraccionamento da esquerda e por extensión beneficia tamén un sistema bipartidista onde os partidos minoritarios case que desaparecerían. Porén tamén crea unha gran inestabilidade ou ingobernabilidade xa que teríamos moitos concellos onde o alcalde non tería o respaldo do pleno para aprobar entre outras moitas cousas os orzamentos. Salvo que reformaran a lei para reforzar o papel das alcaldías. Neste caso veríamonos na tesitura que un futuro alcalde cun miserento respaldo tería moitas máis competencias que un actual alcalde con maioría absuluta.

Como dicía ao comezo, trátase dun cambio das regras de xogo no medio do partido co fin de ter por decreto o que as urnas lles van negar; unha trécola que ten o mesmo obxectivo que a redución do número de Deputados no Parlamento Galego promovida por Feijóo. Sinceramente, aínda me resisto a crer que en pleno s. XXI esteamos en vísperas dun pucheirazo tan grande, aínda que tamén admito que sempre fun moi inocente e medidas que cría que nunca se ían levar a cabo, multiplicaronse por dous na súa materialización. A dúbida, que se resolverá pronto, está en ver se o PP se atreverá a levar a cabo a reforma ou se esta é unha mesta cortina de fume para levar a cabo outras reformas estruturais.

 

 Artigo de opinión sobre a reforma da Lei Eleitoral

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

 

 

Ás portas dun pucheirazo, en pleno s. XXI