Cuestión de educación!
A Xunta de Galiza e o Goberno do Estado están a utilizar a crise económica como coartada para levar adiante un ataque sen precedentes contra o conxunto dos servizos públicos e de xeito moi particular contra a sanidade e a educación. As propostas dunha e doutra administración van na dirección de aumentar a fenda xa existente entre a nosa nación e o resto do estado, e de xeito moi particular en relación coa UE onde o gasto educativo galego se situaba na cola de Europa sendo superado nalgúns casos mesmo por países do leste Europeo.
Hai pouco máis dun ano había un intenso debate sobre educación na cidade amurallada. Debate que se estendía máis aló e que se reproducía con intensidade no concello limítrofe do Corgo, xa que convertía o IES das Mercedes, onde estudaban a maior parte dos nenos do concello, nun Centro Integrado de Formación Profesional.
Dende o BNG corgués criticamos que os nosos nenos quedasen espallados en distintos macrocentros lucenses para estudar o ensino secundario obrigatorio como o Lucus Augusti, o Nosa Señora dos Ollos Grandes ou o Sanxillao, centros cunhas ratios alumno-profesor das máis elevadas. Porque no rural había alternativas de calidade para os nosos mozos nos concellos limítrofes como Castroverde, a Pobra de San Xiao ou Baralla.
Mesturando churras con merinas o goberno local acusounos daquela de destruír o colexio do Corgo no que só imparte infantil e primaria cando este aínda non se enterara que o debate estaba na secundaria entre escoller que os nosos nenos estudasen en centros rurais ou en saturados centros urbanos. O mesmo goberno que hai dous anos votaba en contra dunha moción do BNG na que defendiamos medidas ante os fortes recurtes educativos de profesorado e que afectaban ao noso concello (CEIP do Corgo: 1 profesor especialista en francés e polo tanto 1 unidade en EP, CPI Ramón Piñeiro: 1 profesor de infantil e polo tanto 1 unidade en EI, mentres que en ESO e Bacharelato foron naquel intre do 10% do claustro a nivel xeral).
Mais volvendo ao presente vemos como os medios de comunicación da semana pasada anunciaban a supresión para o curso 2014-2015 dun novo mestre de educación primaria no CEIP do Corgo e a conseguinte eliminación dunha unidade educativa, o que volve a ser un golpe mortal do goberno Popular da Xunta de Galiza contra o centro de ensino situado no noso concello.
Son, de feito, as últimas supresións de unidades do goberno de Feijóo as que animaron a moitas familias a levar aos seus fillos a centros da proximidade, véxase, Nadela, Lugo, Castroverde, Láncara ou Baralla, e introducen ao CEIP do Corgo nunha perigosa espiral que podería rematar co peche do mesmo. Mais volvemos a presentar unha moción ao respecto e o PP local seguíu votando en contra.
Como docente de esquerdas seguirei loitando toda a miña vida por un ensino público, gratuíto e de calidade, especialmente no noso maltratado medio rural, porque sería un cínico e un hipócrita se non pensase que pola educación pasan as liberacións das clases, dos xéneros, das razas e dos pobos. A outros interésalles que sigamos vivindo nun estado feudal.
Artigo de opinión sobre a educación no Concello do Corgo
Mario Outeiro
Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo
Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo