Unha nova querela contra o Franquismo

Unha nova querela contra o Franquismo

rIMG_2395Darío Rivas foi un pioneiro na querela contra o franquismo, un réxime autoritario que levou por diante a vida do seu pai, como a de tantos outros militantes republicanos, e que loitou ata o cansazo para recuperar o corpo do seu predecesor. Dende a Deputación de Lugo opoñémonos á apoloxía do franquismo, unha condena unánime á represión que na provincia de Lugo vimos expresando nos últimos anos, e nese sentido, foi a nosa vontade recordar a figura de Darío Rivas, rendéndolle, no día de onte, unha sentida homenaxe que queremos que sirva como acto de xustiza e de dignidade, honrando a memoria daqueles e daquelas que padeceron o terror da ditadura por defenderen unha sociedade xusta, igualitaria e democrática, así como o esforzo que puxeron os seus familiares en recuperar a súa memoria.

Dende a Deputación de Lugo participamos na rehabilitación social e institucional das vítimas do franquismo, polo que non podo deixar pasar esta ocasión para reivindicar a restitución do nome e a memoria de todas estas persoas que padeceron o sufrir dun réxime que aínda hoxe algúns non repudian. Sucesos como os protagonizados en 2013 polo alcalde de Baralla ou o de Beade, de enxalzamento do réxime, poñen de manifesto que este tipo de actos como o organizado onte son máis necesarios que nunca, a pesares de que xa pasaron case corenta anos do fin da ditadura franquista. Debemos facer un desagravio ás vítimas do franquismo, dar fin á impunidade que sostén a lei da Amnistía do Estado español, comezando por penalizar as condutas de apoloxía da ditadura que vivimos aínda nestes tempos.

O comportamento dalgúns cargos políticos do Partido Popular, algúns deles mencionados antes, sumada á falla de conduta democrática dos populares, amosan a incapacidade ou, máis ben, desinterese do PP en rachar cun pasado no que algúns dos seus membros ocuparon cargos públicos, un pasado do que parece non queren desprenderse.

Nese sentido, dende o Bloque Nacionalista Galego non toleramos ningún tipo de apoloxía do franquismo, posto que somos unha organización que nace da loita contra o réxime e na que moitos dos seus militantes foron represaliados por defenderen unha sociedade máis xusta e democrática, unha actitude que xa recollía Castelao no 37, en Atila en Galiza: “moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tan sequera son capaces de concibir. E na Miña Terra cumprirase a vontade dos mártires”.

 

Artigo de opinión sobre a represión Franquista e a homenaxe a Darío Rivas

Mario Outeiro

Membro da Executiva comarcal do BNG de Lugo e Portavoz do BNG no Corgo

Delegado de Cultura e Turismo na Deputación de Lugo

 

Unha nova querela contra o Franquismo